Estado de Dereito, ou mafias organizadas

O Tribunal de Cuentas - institución chamada a enxeplarizar a honradez e maila ética - vén de recoñecerse unha mafia organizada: ao falar de mudar as formas para así controlar o nepotismo, confirma o seu propio nepotismo.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 15/07/2014

Comparte esta noticia
Paréceme moi ben que tomen as medidas necesarias para frear ese lastre, pero, verdadeiramente, é iso suficiente? No evento dun roubo, non é o prioritario restituír á víctima? Como mínimo, non é absolutamente necesario baldeirar tódolos postos usurpados e sometelos de novo a oposicións libres dos amañes mafiosos? Teñen que renunciar os cidadán cualificados á posibilidade de acceder a un deses postos de traballo? Temos que resignarnos a pagar impostos para subvencionar os soldos das endogamias e, por riba, sen as máis mínimas cualificacións? Non, non é suficiente con facer un chamado a auditorías e baldeiras promesas de que non ha volver suceder, hai que restituír. De non restituír, esas institucións estarían aceptando a súa existencia en estado criminal continuo.
   
Este país non hai por onde collelo, afeito ás mañas pútridas e decadentes, falto dunha cidadanía con espírito de resistencia, xira na espiral da decadencia: cando non é a podremia das deputacións, algunhas xa con sucesión dinástica, han ser os alcaldes de catro aldeas con soldos escandalosos, eles e acólitos – verdadeiros  depredadores - ou os  inservibles quentacadeiras apparátchiks dos partidos políticos, de seu xa con tanta democracia interna coma o partido comunista de Corea do Norte. Ou sexa, é o noso un mundo de nepotismo caciquismo e endogamia. Un mundo no que a depravación está plenamente integrada na cultura, no cotián. Xa ninguén se escandaliza, a decadencia moral é de tal magnitude que todo iso constitúe o dorsal da nova normalidade.  Esa é a gran diferenza entre nós e os grandes estados do noso entorno. Cando o paro se ceba dun terzo do de nós e pobreza alcanza a un 50%, non caben as explicacións conxunturais e meramente económicas; se cadra ata sobran. Tamaño despropósito só pode estar emparentado coa bancarrota moral. Velaí a raíz do problema.  Nós somos un pobo  solidario, diso non haxa dúbida, mais a nosa solidariedade non poucas veces é presa dos depredadores, e cómpre non esquecerse que non é o mesmo solidarizarse cos traballadores ca defender egolatrías disparatadas desbordadas de soberbia e egoísmo e desprendidas dos conceptos máis mínimos de respecto á cidadanía.  
 
A raíz de toda mafia é a endogamia. A consecuencia natural da endogamia, a súa propia sobrevivencia, pasa por transformarse en mafia organizada. Deputacións, alcaldías, partido políticos, sindicatos: mafias.  As mafias organizadas son cancros no corpo vivo das sociedades, ameazas á liberdade, semente da decadencia. Non é coincidencia que en España (un dos estados máis precarios da Unión Europea) os controladores aéreos cobren o dobre cós de Alemaña ou Gran Bretaña (dous dos estados máis afluentes da Unión Europea). Non é coincidencia, nin sequera contradictorio; é unha coherencia inapelable, propia dun Estado entregado ás mañas das mafias organizadas. Alemaña e máis Gran Bretaña son estados socialdemócratas, solidarios e serios, por ende, prósperos. O noso é un Estado trapalleiro, nepotista e endogámico; o falado. Alemaña e máis Gran Bretaña son estados cuns clarísimos conceptos do que é o Servizo Público, sabedores que o Servizo Público está, si, para Servir ao Pobo Soberano, dentro duns marcos establecidos por ese mesmo pobo soberano, conscientes de que cada euro que entra nas arcas do Estado lle pertence ao pobo soberano. E, tamén,  conscientes de que cada un deses euros ha ser usado da maneira máis responsable e solidaria posible; ou sexa, todos e cada un deses euros han servir á sociedade.  Valores, estes, alleos á cultura decimonónica do Estado do “Funcionario”, corrupto e decadente. Ese é o noso gran problema, esa incapacidade de facer a transición do Estado do Funcionario ao Estado do Servizo Público. Só aí, cando chegue esa transición, os partidos políticos han ser partidos políticos, os sindicatos han ser sindicatos, e por aí todo o demais.  
O lio dos controladores puxo en evidencia a inconmensurable  soberbia, arrogancia e mesquindade desas mafias decimonónicas, fortalecidas na era franquistas, que sobreviviron á Transición e se enquistaron coma cancros inextirpables no corpo vivo da nosa sociedade. Destas mafias, a dos controladores é a manifestación por excelencia da podremia dos enxendros da endogamia na súa manifestación máis destructiva e ruín. Hai que acabar con estas mafias, custe o que custe. A Función Pública ou está subordinada aos intereses da cidadanía –que é quen paga - ou é  simple usurpación corrupta caciquil mesquiña e feudal.  Os nosos investigadores ao paro (o noso futuro) e os soldos das mafias enquistadas saqueándonos as arcas públicas. Que lástima, que tristeza, tantas posibilidades e pouco a pouco imos acurralando a nosa xuventude ata deixala ás portas da Bastilla.
 
Para que xurda unha cultura de Servizo Público, propia dun Estado de Dereito socialdemócrata e solidario, é absolutamente necesario finar con voitres e preas.  Pois claro que isto non é unha cuestión de individuos, esto é unha cuestión de cultura. A cultura do Funcionario, impersoal e distante, nepotista e endogámica é coherente co  Estado Soviético (diolo vexa ir), coa China ou Corea do Norte, coa España franquista, pero non cun Estado democrático. No Estado democrático precisase de Servizo Público, Servidores Públicos. E non, non é unha cuestión de semántica, é todo unha cultura de cómo ser, de cómo proceder, de cómo entender o valor e significado dos recursos públicos. A democracia é completamente incompatible coa cultura do Funcionario. O Funcionario está ao servizo do Estado, abstracto, frío e distante. O Servizo Público está ao servizo do cidadán, persoal e identificable. Non é o mesmo. Non é un xogo de palabras, é todo unha cultura de cómo entender a relación co contribuínte, coa cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/