Sanidade defende que "non haxa nota de corte" no MIR para poder cubrir nove prazas en Lugo

O conselleiro Julio García Comesaña lembra que "Galicia pediu este ano incrementar en 64 as prazas para formar máis MIR, con resultado negativo" do Ministerio.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu este martes que "non haxa nota de corte" no MIR para a formación de médicos especialistas co obxectivo de cubrir todas as prazas ofertadas nas comunidades autónomas, entre elas nove na provincia de Lugo por non alcanzar a puntuación.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña | Fonte: Salomé Montes - Europa Press - Arquivo.

Comesaña explicou que están "preocupados por esta situación" e lembrou que "Galicia pediu este ano incrementar en 64 as prazas para formar máis MIR, con resultado negativo", xa que o Ministerio de Sanidade "non foi quen de permitir que esas prazas se incorporasen".

"Estamos xa en menos 64, gustaríanos que eses mozos que aproban o MIR poidan formarse este ano", destacou, para lamentar que, ademais diso, "o sistema de selección deixe prazas sen cubrir", aínda que Galicia se sitúa entre as comunidades "nas que menos prazas quedaron sen adxudicar", as nove de Lugo.

"Estamos preocupados e esperamos que o Ministerio reaccione e busque alternativas, desde logo cambiando o sistema de preselección", manifestou o titular de Sanidade, quen considera que "o exame MIR é un modo de ordenar a elección de prazas para futuros especialistas que se van formar".

Por iso, defende que "non ten sentido pór unha nota de corte e persoas que aprobaron os seus estudos de Medicina hai escasos meses queden agora fóra de formarse fóra dunha especialidade porque alguén estableceu que se non se saca unha puntuación non pode escoller praza".

"Cremos que a situación é tremendamente grave, non podemos permitirnos nin sequera nós en Galicia deixar nove prazas de médico especialista sen cubrir e esperamos que o Ministerio reaccione e tome alternativas", reivindicou.

Por iso, sinalou que "hai comunidades autónomas nas que a situación é gravísima". "Nós queremos que non quede ningunha praza de MIR sen cubrir. Van quedar esas 64 novas, pero esas nove en Lugo pendentes de cubrir, que non queden sen cubrir", demanda.

Respecto diso, insistiu en que "o MIR é un criterio de selección de prazas" e "debe ordenar esa elección". "Pero cremos que a nota do MIR non debe deixar fóra a ninguén, agás se un exame saíse especialmente mal. Pero quen poida escoller praza, que escolla por orde, que non haxa nota de corte e se cubran todas as prazas", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta