Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 18:29
Os intentos de homicidio e asasinato foron os delitos que máis aumentaron en Galicia no primeiro trimestre de 2022, ao rexistrarse un total de 16, un 128,6% máis que no mesmo período do 2021, cando se contabilizaron sete. Tamén subiron notablemente os delitos de lesións e rifa tumultaria entre xaneiro e marzo, ata os 281, un 99,3% máis.
Son os principais datos galegos que se extraen do 'Balance de Criminalidade' do primeiro trimestre do ano que publicou este xoves o Ministerio do Interior. De acordo con este informe, a cifra total de infraccións penais situouse en 24.475 nos tres primeiros meses do ano, o que supón un 32,5% máis que as 18.478 rexistradas na mesma franxa de 2021.
Con todo, hai que ter en conta que os datos de Interior mostran un apartado no que se engloban, sen especificar, as infraccións penais que non encadran en ningunha das outras categorías. Nesta clase figuran 18.320 en toda Galicia, o que supón que case o 75% dos delitos están incluídos neste grupo sen detallar.
Entre os que si están especificados, tras os intentos de homicidio e asasinato (+128,6%) e as lesións (+99,3%), os delitos que máis aumentaron en Galicia foron os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións, que pasaron de 631 nos primeiro trimestre de 2021 a 1.046 en 2022, un 65,8%.
Con todo, dentro deste tipo de ilícitos, cabe destacar que os roubos en domicilios aumentaron nunha proporción menor, ao pasar de 449 a 673 nos tres primeiros meses deste ano, un 49,9% de crecemento. Así mesmo, as subtraccións de vehículos subiron tamén de maneira importante entre xaneiro e marzo, ata as 130 en total (+62,5%). Tamén creceron en Galicia os furtos, a 4.201 rexistrados no primeiro trimestre (+58,1%); e os roubos con violencia e intimidación, a 219 (+11,7%).
En canto aos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, creceron un 25,8%, ata os 166 contabilizados. Dentro deles, as estatísticas reflicten un aumento do 6,3% das agresións sexuais con penetración, con 17 entre xaneiro e marzo, mentres que o resto de delitos deste tipo fixérono un 28,4%, ata os 149.
Os únicos dous apartados nos que diminuíu a criminalidade en Galicia entre xaneiro e marzo de 2022 foron o tráfico de drogas, ao pasar de 110 o ano pasado a 93 (-15,5%); e os homicidios dolosos e asasinatos, de cinco a tres no primeiro trimestre deste ano (-40%). Mentres tanto, non se rexistrou ningún delito de secuestro nos tres primeiros meses de 2022, igual que en 2021.
DATOS POR PROVINCIAS
Por provincias, segundo os datos do Ministerio, a criminalidade aumentou en todas no primeiro trimestre, pero onde máis nas dúas atlánticas. Na da Coruña, rexistráronse 10.815 delitos, un 34,6% máis; e na de Pontevedra, con 9.146, un 33,3% máis. En terceira posición sitúase Ourense, con 2.409 infraccións penais, un 28,1% máis; e en Lugo, con 2.105, un 23,5% máis.
Na da Coruña, os tipos de delitos que máis creceron foron os intentos de homicidio e asasinato, que pasaron de só un ata os nove no primeiro trimestre deste ano, un 800% máis. Tamén creceron as subtraccións de vehículos (+111,1%), e os roubos con forza (+99,6%), mentres que a única categoría que baixou foron os homicidios e asasinatos consumados, dun a ningún.
En canto a Pontevedra, subiron os roubos con forza nun 100,5% e os intentos de homicidio e asasinato pasaron dun a dous, á vez que os que si se consumaron se mantiveron en tres no primeiro trimestre do ano. A categoría que si que baixou nesta provincia foi o tráfico de drogas, cun 20,3%.
Na de Ourense, o tipo de infraccións que máis creceu foi a de lesións e rifa tumultaria (+109,1%), seguida dos intentos de homicidio e asasinato, a cinco (+66,7%). Pola contra, na provincia reduciuse o tráfico de drogas, con tres delitos (-62,5%) e os homicidios e asasinatos, que pasaron dun a ningún no tres primeiros meses do ano.
Finalmente, en Lugo, creceron as lesións e as liortas (+130,8%), os delitos contra a liberdade sexual (+25%) e os furtos (+42%). O resto de categorías descenderon, a que máis os homicidios e asasinatos ao pasar de dous a ningún no primeiro trimestre, e os roubos con forza en domicilios, establecementos e demais instalacións (-34,9%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.