O xulgado ratifica as datas do xuízo polo accidente do Alvia

Decidira paralizar o procedemento ata que se trasladase o lugar de celebración.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O xulgado do penal número 2 de Santiago ratificou as datas do xuízo polo accidente do tren Alvia --no que faleceron 80 persoas en 2013--, que comezará o 5 de outubro de 2022 e realizarase durante case nove meses ata xuño de 2023 --divido en parte penal e civil--, despois de que a Xunta comunicase que a Cidade da Cultura será o lugar de celebración.

Así figura nunha dilixencia con data do 7 de xuño á que tivo acceso Europa Press. Contra esta decisión cabe interpor recurso de reposición en tres días. Nunha dilixencia previa, con data do 25 de maio, o xulgado decidira proceder á paralización do proceso ata que a Xunta comunicase o lugar para celebrar o xuízo, cuestión que xa se resolveu.

Deste xeito, a vista oral, na que está prevista a participación de máis de 700 testemuñas e peritos, comezará o 5 de outubro. Pola súa banda, a parte penal desenvolverase ata o 3 de febreiro --cos días 7, 8, 9 e 10 de febreiro reservados para eventuais incidencias ou continuación de declaracións--.

A acción civil iniciarase o 14 de febreiro e prolongarase ata mediados de xuño. Desde o 20 de xuño e ata a súa finalización, o xulgado reservou os martes, mércores e xoves para a práctica documental, as conclusións e os informes.

Neste xuízo sentarán no banco como investigados o maquinista do tren, Francisco Garzón, e o que era o director de Seguridade na Circulación de Adif no momento de posta en funcionamento da liña, Andrés Cortabitarte.

ATRASADO A OUTUBRO

As alegacións presentadas por tres letrados personados na causa obrigaron o Xulgado do Penal número 2 de Santiago ao adiamento a comezos do décimo mes do ano do xuízo polo accidente no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. Previsto inicialmente para o 20 de setembro, o xulgado acordou atrasar ao 5 de outubro o arranque da vista.

En concreto, o avogado dun dos acusados, o director de Seguridade na Circulación de Adif no momento de posta en funcionamento da liña, Andrés Cortabitarte, o da Plataforma Vítimas Alvia 04155 e o letrado dunha das aseguradoras alegaron que xa tiñan outros xuízos sinalados con anterioridade nas mesmas datas, polo que reclamaron a suspensión ou o cambio de sinalamento dalgunhas das sesións.

Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta