Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 20:00
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu na necesidade de que o Goberno recoñeza a especialidade de medicina de Urxencias para contribuír a paliar, sen máis demoras, o déficit de facultativos en Atención Primaria.
Durante a súa asistencia ao XXXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), Rueda remarcou que o Executivo galego "seguirá apoiando esta demanda", na liña do que trasladou en decembro de 2020 o pleno do Parlamento de Galicia, que aprobou, por unanimidade, unha iniciativa para instar a Administración central a crear esta especialidade.
"Esta situación debe solucionarse canto antes e será un dos temas a tratar na reunión con Pedro Sánchez", dixo Rueda, que fixo fincapé en que se Urxencias e Atención Primaria fosen dúas especialidades distintas, con oferta de prazas diferenciadas, sería máis sinxelo para as administracións saber con cantos novos profesionais se podería contar cada ano, evitando así formar en Atención Primaria a persoal médico que despois exercerán fóra dos centros de saúde.
"Mentres seguimos á espera, desde a Xunta seguiremos facendo os deberes naquilo sobre o que si temos competencias", remarcou, e lembrou o compromiso "cunha renovación integral do Servizo Galego de Saúde" e a mellora das urxencias. Sobre este punto, destacou que, na última década, Galicia "incrementou en case 6.000 metros cadrados a superficie das urxencias dos seus hospitais públicos", un camiño polo que se prevé continuar, do mesmo xeito que se impulsan outros programas.
AGRADECE O COMPROMISO DOS MÉDICOS
Así mesmo, puxo en valor o traballo diario do 061-Galicia, un servizo ao que a Fundación Europea para a Xestión da Calidade outorgou o 'Selo de Excelencia 500+', polo que se converteu no único servizo de urxencias médicas autonómico de España que conta con este distintivo. O presidente da Xunta concluíu cun agradecemento ao persoal médico que traballa en urxencias "polo compromiso, a dedicación, o traballo en equipo e a capacidade para adaptarse as novas situacións"; unhas "fortalezas" que se fixeron "máis visibles que nunca durante a pandemia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.