Novos currículos educativos, unha dura transición entre o profesorado e a administración

Os sindicatos educativos alertan da pouca marxe de tempo que ten o profesorado para aplicar os novos currículos escolares. Engádese tamén a densidade das materias, moitas para moi pouco tempo e a falta de consulta cos representantes sindicais. O curso 2022-2023 está aí e se non hai novidades, o profesorado terá que arrincar o ano escolar sen ter fixados os parámetros curriculares.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A última reunión do Consello Escolar de Galicia debateu a proposta curricular do bacharelato para o curso 2022-2023. En realidade, todas as posturas que se adopten dentro deste organismo serán consultivas, non vinculantes. Debateuse o decreto de adaptación da Xunta ao Real Decreto do Estado sobre o currículo do bacharelato. Un texto legal que organice o conxunto de materias do ensino secundario non obrigatorio segundo as características de Galicia. A mensaxe maioritaria dos sindicatos de profesores é que todo vai lento. As administracións non mostraron celeridade para presentar os diferentes articulados referentes a todos e cada un dos tramos educativos que deberá seguir o alumnado no ensino obrigatorio e non obrigatorio.

A ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, no 35º Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións este xoves 2 de setembro de 2021 no Palacio da Madalena de Santander. Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press
A ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, no 35º Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións este xoves 2 de setembro de 2021 no Palacio da Madalena de Santander. Juan Manuel Serrano Arce - Europa Press

MOITA MATERIA E MOI POUCO TEMPO

A Consellería de Educación anunciaba o pasado 19 de abril as novidades no currículo escolar. Máis reforzo en materias humanísticas, matemáticas, lingüísticas e científicas, ademais de manter as cualificacións numéricas e non as cualificacións nominais (suficiente, aprobado, etc.). Este currículo poderá ser útil de cara ao futuro para o alumnado?

“O currículo por competencias permite observar se o alumnado sabe aplicar os contidos no seu percorrido de estudo” declara Xosé Ramos, da Nova Escola Galega (NEG). Isto é o que miden os informes PISA. “Ver se o alumnado é capaz de aplicar o aprendido na súa vída diaria”. Esta é unha adquisición de competencias que non gusta a todo o mundo como explica Ramos. “Dentro do pensamento conservador hai quen non gusta do currículo por competencias e outros si, porque din que prepara aos mozos e mozas para o mercado laboral”. A NEG aposta por un currículo que ademais de práctico, permita formar cidadáns críticos.

Se se profunda nas materias a aprender, existe un gran problema que é “o exceso de carga curricular que é imposible impartir nun só curso” sinala Suso Bermello da CIG-Ensino. “O Goberno central presentou con demora os reais decretos. Non hai nada publicado e o profesorado ten que estar pendente no inicio do curso que vén sobre decretos que son borradores”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde a unha pegunta no pleno da Cámara galega. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, responde a unha pegunta no pleno da Cámara galega. XUNTA

“O atraso na aplicación dos currículos vai xerar unha gran problemática para o curso que vén, pois aínda non están aprobados” di José Manuel Fuentes de CCOO. “É certo que o Goberno central non apurou para presentar os documentos mais Galicia tampouco tivo moita présa porque os borradores si os coñecía e puido ter avanzado na súa proposta previamente á publicación oficial por parte do Estado”. Ademais, tamén sinala a necesidade de rebaixar os contidos dos curriculos.

Sandra Montero de UGT, bota en falta que non se consulte primeiro cos sindicatos e coa comunidade educativa antes de calquera novidade curricular. Á parte “isto vén tan rápido que o profesorado non terá tempo para revisar os contidos e non poderá preparalos para o novo curso”. “Tamén temos unha sobrecarga burocrática” cando é desexable e rebaixar dita carga, un dos obxectivos da LOMLOE.

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, responden que a Galicia lle corresponde elaborar o 50% dos currículos, “traballo que levamos meses desenvolvendo a través de 27 grupos de traballo, formados por 120 especialistas”. Doutra banda, tamén denuncian o “enorme atraso do Ministerio de Educación na publicación dos currículos de base (publicou os últimos en abril)  isto obrigounos a adiantarnos, tendo preparada con antelación a nosa parte”.

O departamento dirixido por Román Rodríguez sinala ademais que “adiantarse na elaboración do 50% autonómico ofreceu certezas á comunidade educativa”. Tamén ao alumnado porque puido “saber con tempo en que pode matricularse, os centros e os docentes poden preparar o vindeiro curso e as editoriais poden ter os materiais preparados a tempo”.

AVALIACIÓNS E HORAS DE TRABALLO

As cualificacións (ou notas) en Galicia son numéricas, do 1 ao 10. Pola contra, desde o Ministerio de Educación a norma é avaliar nominalmente: insuficiente, suficiente, ben, notable e sobresaliente. Isto que parece trivial non é para os representantes sindicais. “A LOMLOE recolle que as cualificiacións deben ser nominais, pola contra a Xunta faino de maneira numérica e vincula isto a decisións de avaliación” di Suso Bermello. “Aseguran que é con carácter informativo cando os números non son informativos”.

Bermello considera que esta decisión da Xunta responde a factores políticos. “As notas numéricas fomentan a competitividade entre o estudantado e non son necesarias” di Sandra Montero. “Non se vai respectar o espírito da LOMLOE en canto a promoción e titulación, dándolle postestade para facer isto ao equipo docente” di José Manuel Fuentes. “Mentres en Galicia introducen elementos na LOMLOE que distorsionan como o número de materias que poden quedar suspensas para aprobar ou non aprobar”.

A Xunta aplica isto último de cara a “favorecer a igualdade e que non haxa diferenza entre promoción e titulación en diferentes centros” apunta Fuentes. Por outra parte, está a disposición horaria do profesorado para poder atender tarefas que agora se atenden fora dos horarios lectivos. “Vendo que hai máis materias e con máis contido, o profesorado non terá tempo nin para impartilo” sinala Sandra Montero. “Non vai haber liberación horaria para as titorías e cada día hai máis tarefas que atender e sen horas para coordinalas”.

A todo o anterior engádese a necesidade apuntada por todos os representantes de que se debe rebaixar o número de alumnos por aula. O descenso da natalidade entre outros factores, debería permitir a redución de estudantes por profesor.

Desde a Consellería de Educación repóndese ao tema das cualificacións con que o Goberno central devalúa a cultura do esforzo “con toda unha sucesión de medidas na mesma dirección, que foron corrixidas por Galicia sempre que temos posibilidade”. Así ocorreu “coa supresión da nota numérica, que aquí imos manter no noso sistema educativo, ou pasando de curso con independencia do número de suspensos, algo que en Galicia tamén matizamos respectando a lei”.

En canto ao rateo de alumnos e horarios, Educación apunta: “Os novos currículos non cambian as horas lectivas. Ademais, cómpre lembrar que Galicia ten unha das mellores ratios profesor/alumno de España. Temos en marcha agora mesmo varios procesos de oposicións con 4.000 prazas”.


Arquivo - Alumnos esperan para entrar ás probas da EBAU fronte á facultade de económicas da USC en Santiago de Compostela. CÉSAR ARXINA - Arquivo
Arquivo - Alumnos esperan para entrar ás probas da EBAU fronte á facultade de económicas da USC en Santiago de Compostela. CÉSAR ARXINA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta