“Fálao, ti que podes”, de como o amor polo galego abre portas alén do país

A asociación Faladoiros de Vigo lanza o proxecto “Fálao, ti que podes”, unha iniciativa para continuar os “faladoiros” a través da Internet. O concepto, publicitado a través das redes sociais, tivo unha boa acollida, sobre todo entre neofalantes galegos da diáspora e tamén neofalantes non galegos.

Por Moncho Mariño | Vigo | 26/06/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O traballo da asociación Faladoiros de Vigo reunía fisicamente persoas que departían temas mentres daban os seus primeiros pasos en galego. A COVID impediu estes encontros durante un tempo, mais aí estaban as novas tecnoloxías e as vídeoconferencias, a base para crear “Fálao, ti que podes”. Grazas á rede foi abrir a xanela para entraren novos aires aportados por xentes doutros lugares, tanto de dentro como fóra de Galicia. As achegas e historias das persoas que participan nestes encontros online permiten observar o grao de afecto ao idioma desde o interior e desde o exterior.

Cartaz a favor da lingua galega
Cartaz a favor da lingua galega


A INTERNET, PORTA PARA NEOFALANTES

“Coa COVID tivemos que deixar a presencialidade no local dos Faladoiros entón xorde a posibilidade de facelos virtualmente” sinala Cristina Amoedo, quen deseñou e perfilou os encontros virtuais do proxecto. “Foi pechar unha porta e abrir outra por onde entraron moitas persoas e de moi lonxe algunhas”. “Fixemos a campaña de promoción nas principais redes sociais, Facebook, Twitter e Instagram, logo de que o proxecto nacese espontanemanete nas sesións de Cristina” di Irene Romeiro, outra das participantes desta iniciativa.

“Fálao, ti que podes” realízase en Vigo e un dos propósitos é dar visibilidade ás persoas neofalantes de fóra de Galicia. Os e as participantes conéctanse desde puntos como Estados Unidos, moitos desde outros países de Europa, América Latina e de lugares como o Índico.

A difusión a través das plataformas virtuais permitiu conexións desde Arxentina até de Illa Reunión. “En Galicia vemos que non hai uso do galego e esta xente que se conecta ten ganas de falar nas reunións dos martes e xoves” apunta Cristina. “Galegos e galegas de fóra que preguntaban que podían facer polo noso idioma”. Desta maneira comezaron a apareceren vídeos en Youtube con aportacións de participantes desta iniciativa.


“Os vídeos en Youtube foron unha resposta moi positiva dentro das redes sociais, pois conseguimos moita visualización” sinala Irene. “Tivemos a sorte de coñecer nais que lles aprenden o galego aos seus fillos no estranxeiro”. Outros resultados máis palpables foi “o dun rapaz que conseguiu falar cara a cara con alguén en galego, era un mozo de Córdoba, en Arxentina, e falara con Sés, a artista”.

“NECESITABAN FALAR GALEGO”

A desdencencia de galegos e galegas na diáspora influiu na falta de transmisión do idioma de xeración a xeración. “Hai casos que chaman a atención, como o dunha moza en Franza e outra en Miami que, aínda sendo de pais galegos, non aprenderon a lingua mais decidiron aprendelo” di Irene.

Cristina lembra o caso dunha galega en Arxentia que lles dixo na súa conexión “aparecestes xusto cando xa non tiña con quen falar en galego, porque todos os parentes cos que o falaba morreron”. Por outra banda, algúns dos participantes están estudando o Celga nos seus países  “mais non poden vir até Galicia para facer as probas, pois a viaxe é moi costosa” sinala Crisitina. “Queremos facer ver que se poderían organizar maneiras para viren examinarse”, iso e tamén algunha maneira de achegarlles libros.

Destaca tamén o feito de haber participantes que sen seren galegos ou sen teren raíces en Galicia, aprenden o idioma “pois porque viñeran de Erasmus, con algunha bolsa, estiveran de viaxe e quedaron namorados do idioma e a cultura do país”.

A iniciativa está tendo acollida nas redes e demostra unha vitalidade que contrasta coa realidade lingüística do país. Aínda así, nos “Faladoiros” e “Fálao, ti que podes”, o obxectivo é animar a dar o paso definitivo para falar en galego a aquelas persoas que o coñecen mais non o falaron. Desta maneira, “Fálao, ti que podes” demostra que a lingua galega non ten fronteiras para ser aprendida e “mesmo hai xente que nos di que se achegou á lusofonía grazas ao galego”.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta