Balance da noite de San Xoán: queimaduras na cara dunha nena en Narón e lumes descontrolados

Máis de 140 asistencias sanitarias e outros operativos centran boa parte dos incidentes rexistrados.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 24/06/2022 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

O Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia xestionou máis de 200 incidencias relacionadas cunha noite de San Xoán na que miles de fogueiras arderon en todos os puntos de Galicia, cuxas praias en localidades costeiras recuperaron a tradición festiva previa á pandemia.

Entre os incidentes máis destacados, unha menor sufriu queimaduras na cara ao ser alcanzada polo lume dunha fogueira en Narón. En principio, os servizos de emerxencias da Comunidade non informaron de ningún máis grave.

En detalle, o 112 atendeu un total de 221 incidencias, desde as 20,00 horas deste xoves ata as 8,00 horas deste venres. As máis numerosas foron asistencias sanitarias (142), operativos de Protección Civil (61) e outros incendios (18) --por exemplo, colectores que resultaron calcinados ou queimas descontroladas--.

Por provincias, o persoal do CIAE 112 Galicia xestionou un total de 97 incidencias na Coruña, 86 na de Pontevedra, 20 en Lugo e 18 en Ourense.

QUEIMA DESCONTROLADA NA CORUÑA

Por outra banda, os bombeiros da Coruña interviñeron para sufocar unha fogueira descontrolada que afectou a uns cables e queimou herba na Praza da Sardiñeira.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ás 23,55 horas, a través de varios particulares e, acto seguido, solicitouse a intervención dos bombeiros e da Policía Local.

Centenares de persoas fronte a unha fogueira na Noite de San Xoán, a 23 de xuño de 2022, na Coruña / M. Dylan - Europa Press / Europa Press
Centenares de persoas fronte a unha fogueira na Noite de San Xoán, a 23 de xuño de 2022, na Coruña / M. Dylan - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta