Un informe sinala que a poboación galega volveu respirar aire "insalubre" no 2021

A redución da mobilidade pola crise da covid provocou unha "mellora xeral sen precedentes" da calidade do aire, pero a cidadanía seguiu respirando aire contaminado, sinala Ecoloxistas en Acción.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2022 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Durante o 2021, a calidade do aire en Galicia mantivo a mellora substancial xa observada durante 2020. Así, rexistrouse unha notable redución das concentracións no aire de dióxido de nitróxeno (NO2), dióxido de xofre (SO2), partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5) e ozono troposférico. Tamén diminuíu a concentración de partículas inferiores a 10 micras (PM10), aínda que en moita menor medida.

Unha densa capa de contaminación no aire apenas deixa ver o tráfico nunha autoestrada
Unha densa capa de contaminación no aire apenas deixa ver o tráfico nunha autoestrada | Fonte: Europa Press.

O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) (que se tornaron moito máis esixentes en 2021) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea. Segundo eses niveis, e a pesar da mellora observada, o aire contaminado afectou en 2021 toda a poboación galega. En cambio, pola queda do ozono, o territorio galego non sufriu contaminación que danase a vexetación.

"Se se toman os estándares da normativa, ben máis laxos que as recomendacións da OMS, non houbo poboación en Galicia que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación prexudiciais para a vexetación, por riba dos límites legais", explica a organización nun comunicado.

Os factores esenciais que explican a mellora da calidade do aire durante 2021 son, segundo indica Ecoloxistas en Acción, a restrición xeral da mobilidade motorizada e a contracción económica derivadas das medidas adoptadas para combater a COVID-19. O peche das centrais térmicas de carbón das Pontes (parcial) e Meirama (en 2020), as máis contaminantes, tamén contribuíu á diminución da polución do aire.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos compilados nas 57 estacións oficiais de medición da calidade do aire instaladas en Galicia. Do seu estudo conclúen que as partículas (PM10 e PM2,5) afectaron á totalidade da poboación galega, sobre todo a urbana. "En todas as cidades do país se superaron os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes, nomeadamente en Vigo e área metropolitana. Na Galicia rural superáronse os valores medios diarios e anuais para PM2,5", destaca.

Así mesmo, en todas as cidades se superaron os valores medios diarios recomendados pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), así como tamén os anuais (neste caso, coas excepcións de Lugo e Ferrol). Os niveis máis altos deste contaminante rexistráronse novamente nas aglomeracións da Coruña e Vigo, como consecuencia do intenso tráfico rodado que soportan.

As concentracións de ozono troposférico diminuíron notoriamente, como resultado da forte caída das emisións dos seus principais precursores, os óxidos de nitróxeno (NOx). No tocante ao dióxido de xofre (SO2), volvéronse detectar superacións da concentración media diaria recomendada pola OMS nas estacións industriais Pastoriza, Oural Sur (Sarria) e Xove, baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol, de Cementos Oural e de Alcoa San Cibrao, respectivamente.

Para a organización ecoloxista, a mellora da calidade do aire pasa pola redución da queima de combustibles fósiles e de biomasa, sen esquecer a necesidade de limitar a gandaría intensiva. "Nas cidades en particular cómpre diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público limpo", sinalan. Tamén é preciso, din, "promover o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñibles, pechar as centrais de combustibles fósiles, penalizar o diésel, mellorar o ferrocarril convencional, reducir o uso do avión, designar unha área de control das emisións do transporte marítimo, e unha moratoria de novas macrogranxas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta