Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 17/08/2014 | Actualizada ás 21:10
Miguel Anxo Fernández Lores teno claro. Leva desde o ano 1999 gobernando Pontevedra e quere seguir facendoo, cando menos, outros catro anos máis, ata 2019, e sen pactos de por medio. Unha situación, que de producirse, o convertiría nun dos rexedores nacionalistas máis lonxevos, mesmo superando marcas doutros míticos alcaldes populares.
Sen embargo, Lores, que xa leva case 16 anos como alcalde, seguiría incumprindo un dos puntos dos estatutos do BNG, que limitan os mandatos dos seus cargos a tres lexislaturas, é dicir, a 12 anos, agás que se produza unha excepción puntual.
Precisamente, ese foi o límite que se deu outro histórico rexedor do BNG, o de Mugardos, Xosé Manuel Fernández Barcia, que anunciaba hai un mes que non optará á reelección como cabeza de lista da formación nos próximos comicios locais do 2015."É unha decisión persoal e colectiva", explicaba o BNG de Mugardos.
Nunha entrevista á Cadena Ser en Galicia, Lores anunciou a súa intención de volver presentarse outro mandato máis se "os compañeiros queren". Unha decisión que basea, sobre todo, no traballo realizado nesta cidade nos últimos anos.
"A miña xestión está a transformar a cidade en positivo, facéndoa referente en moitas cousas en Galicia, o Estado, Europa e o mundo e que quedan moitísimas cousas por facer", dixo. Por iso, e a pesares do que recollen os estatutos da súa formación, Lores mostrouse contrario a limitar o número de mandatos.
O rexedor nacionalista cre que pode acadar a alcaldía, novamente, sen pactos. De feito, e a diferencia do manifestado por varios dos seus colegas alcaldes do BNG, descartou un pacto con outras formacións nacionalistas e de esquerda, nomeadamente con AGE, para as municipais do 2015.
"As bases políticas e ideolóxicas do BNG non entenden as súas coalicións con formacións políticas non nacionalistas galegas", dixo para desacreditar as opinións que hai dentro do BNG a favor destas coalicións.
Acerca da formación Podemos, Lores cre que os seus dirixentes están "a aproveitar, obviamente e con todo o dereito do mundo, unha situación de crispación social, de ataque aos dereitos dos traballadores". "Pero a min non me fai 'tilín'", indicou.
"Os postulados que defendemos o nacionalismo organizado, o sindicalismo nacionalista, o movemento social e cultural en defensa do país e da súa cultura son bastante máis coherentes e teñen un pouso que debería ter unha maior resposta e apoio social pero, se non é así, seguiremos tentándoo", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.