Temas: TREN TRANSPORTE

Os Avant quedan excluídos da bonificación para viaxar de balde en trens de media distancia

En calquera caso, terán unha bonificación do 50%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

Os trens de media distancia de alta velocidade, que circulan baixo a marca Avant, quedarán excluídos da bonificación anunciada esta semana polo Goberno central para viaxar gratis en trens de media distancia desde setembro e ata fin de ano. Estes servizos operan entre A Coruña, Santiago e Ourense.

Tren Avant
Tren Avant | Fonte: Renfe.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana argumenta que estes servizos non estarán incluídos dadas as súas especiais características e porque a medida quere concentrar os seus efectos nos desprazamentos diarios ao centro de traballo ou de estudos.

No entanto, os seus usuarios si poderán acollerse á bonificación do 50% que xa se anunciou con anterioridade para os billetes multiviaxe, que se unirá ao desconto do 30% que os concellos e comunidades autónomas poderán aplicar aos títulos multiviaxe de metro, tranvía ou autobús, coa axuda económica do Estado.

Pola súa banda, a media distancia convencional e as proximidades si serán gratuítos, aínda que só se se viaxa con títulos multiviaxe, excluíndose así os billetes sinxelos ou de ida e volta e sendo necesario adquirir, por exemplo, un bono de 10 viaxes.

En calquera caso, o Ministerio, organismo do que depende Renfe, xa está a traballar para definir esta medida, cuxo principal obxectivo é ofrecer viaxes de balde pero especialmente aos viaxeiros recorrentes, razón pola que só se aplicará aos títulos multiviaxe.

Con esta medida, o Goberno espera que uns 75 millóns de viaxes recorrentes se vexan beneficiados, aínda que se espera que esta cifra sexa aínda maior polo efecto chamada de usuarios cara ao transporte público, contribuíndo así a reducir a contaminación provocada polo vehículo privado e amortecer en parte o efecto da alza dos carburantes.

Temas: TREN TRANSPORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta