O gas radon pode estar tamén detrás de tumores cerebrais

Novas evidencias recollidas en Estados Unidos avalan a hipótese que defenden científicos galegos, pero tamén sinalan como factor adxuvante altos niveis de contaminación atmosférica.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 01/08/2022 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Sábese que respirar concentracións elevadas de radon pode causar cancro de pulmón, como evidenciaron numerosos estudos. Pero sospéitase que a exposición en interiores a este gas radioactivo, presente de forma natural no chan, pode igualmente orixinar outros tipos de cancro, como o cerebral. O caso é que a incidencia global dos tumores cerebrais “varía substancialmente sen explicación” e os estudos que relacionan a exposición e a incidencia de radon con este tipo de cancro “non eran concluíntes”, segundo un grupo de científicos de Estados Unidos que achegan agora evidencias que parecen demostrar a relación entre tumores cerebrais e radon, e tamén coa contaminación por partículas.

Tumor cerebral
Tumor cerebral | Fonte: EmmaWiki2020 - Wikimedia.

De feito, a contaminación por partículas se relaciona co aumento da incidencia de tumores, o cal se explica porque “as partículas poden romper a barreira hematoencefálica, permitindo a exposición intracranial ao radon oncoxénico”, explican. Por isto, decidiron estudar a relación entre a exposición ao radon residencial, a contaminación por partículas e a incidencia de tumores cerebrais nos Estados Unidos, con datos de 1.264 condados de todo o país nos que reside o 83 % da poboación estadounidense.

“Este é o primeiro estudo que suxire un aumento da incidencia de tumores cerebrais non malignos en zonas con alta exposición a partículas contaminantes e ao radon"

“Presentamos o primeiro informe que suxire un aumento da incidencia de tumores cerebrais non malignos en zonas con alta exposición a partículas contaminantes no aire e ao radon. Estes achados proporcionan información sobre a variación inexplicable da incidencia do tumor”, resumen os responsables do estudo.

Os seus resultados indican que unha exposición alta ao gas radon se asociou significativamente co aumento das taxas de incidencia anuais axustadas pola idade de todos os tumores non malignos, ata un 26% máis que en zonas menos expostas, incluíndo a maioría dos meninxiomas (un tipo de cancro cerebral). Tamén se observou un aumento das taxas de incidencia anuais axustadas pola idade para todos os tumores malignos, ata un 10 % máis, incluído outro tipo de cancro cerebral, o glioblastoma, pero foi refutado despois de ter en conta as diferenzas demográficas e socioeconómicas.

Aínda que para os tumores malignos, as diferenzas na incidencia entre condados con niveis variables de exposición ao radon e á contaminación atmosférica desapareceron ao contabilizar as variables demográficas, o aumento da incidencia de tumores non malignos con exposición alta a radon e partículas contaminantes persistiu en gran medida independentemente do sexo, a raza e a etnia, e outros factores examinados.

As medición mostraron que nas vivendas que se asentan en zonas con alta incidencia do radon, as exposicións foron “inaceptablemente elevadas”. Calcúlase que 26 millóns de estadounidenses viven en zonas de alta exposición a partículas atmosféricas contaminantes e ao radon, e que, polo tanto, poderían ter alto risco de padecer cancro.

MÁIS TUMORES NON MALIGNOS

As taxas máis altas de incidencia de tumores cerebrais notáronse na poboación maior de 40 anos, e os tumores cerebrais non malignos foron máis frecuentes que os malignos.

As taxas de incidencia anuais axustadas pola idade para todos os tumores malignos en xeral roldan 7 casos por 100.000 habitantes, sendo máis alta nas áreas con alta exposición ao radon. Esta diferenza traduciuse nunha incidencia nas comarcas con maior exposición ata un 10% maior que nas zonas con calidade de aire inferior ou niveis elevados pero non tan altos de radon.

No caso do glioblastoma, un tumor cerebral maligno altamente agresivo, as taxas foron de arredor de 3 casos por 100.000 habitantes, con tamén maior incidencia nos condados con maiores emisións de radon. Como explican os científicos, “o patrón de aumento da incidencia de tumores malignos nas áreas de maior exposición tendeu a persistir mesmo despois de estratificar a residencia, a idade ou o sexo en zonas urbanas fronte ás rurais; non obstante, ao estratificar por raza, as diferenzas de incidencia entre rexións altas e outras perderon en gran medida a súa importancia”, de xeito que, ao ter en conta estas variables, “desapareceron as diferenzas para o glioblastoma e para toda a incidencia de tumores malignos nas áreas con alto radon e alta contaminación do aire”.

Os datos indican que a alta exposición ao radon e a partículas contaminantes no aire pode aumentar até un 26 % a incidencia de tumores cerebrais non malignos

No caso dos meninxiomas, que normalmente non son malignos, a taxa de incidencia foi maior, até 9,27 casos por 100.000 habitantes nas áreas altamente expostas. Os investigadores observaron un “aumento significativo” da incidencia de meninxiomas nas comarcas con exposición alta respecto ás demais. Diferenzas que persistían entre os grupos independentemente da estratificación por características demográficas e socioeconómicas.

Observouse un aumento similar de taxa de incidencia en rexións altamente expostas ao radon e a partículas contaminantes con respecto a outras áreas para os tumores pitituarios, que son tumores cerebrais predominantemente non malignos.

Para os tumores hipofisarios, tamén cerebrais, e que son predominantemente non malignos, tamén houbo un aumento significativo da taxa de incidencia nos condados con alta exposición.

En definitiva, os científicos estadounidenses consideran que o seu é “o primeiro informe que asocia un aumento da incidencia de tumores cerebrais non malignos (ata un 26% maior) cos efectos combinados da elevada contaminación por partículas do aire e da exposición ao radon despois de que os esforzos previos para avaliar estes factores de forma illada non fosen concluíntes”.

“Esta análise representa, quizais, o maior estudo que busca explicar a variación substancial, pero pouco entendida, das taxas de incidencia xeográfica dos tumores cerebrais non malignos. Son necesarios estudos futuros noutras poboacións para validar estes achados”, conclúen.

SITUACIÓN EN GALICIA

Os autores deste estudo destacan que traballos anteriores sobre a relación do radon con cancros cerebrais “non foron concluíntes”. “Varios informes europeos propuxeron unha asociación entre a exposición residencial ao radon e o aumento da incidencia de tumores cerebrais, e un estudo en Estados Unidos descubriu que o aumento da concentración de radon no abastecemento de auga correlacionaba co aumento da incidencia de tumores do sistema nervioso. Non obstante, estudos máis grandes baseados na poboación dos Estados Unidos non atoparon relación significativa entre a exposición ao radon e o aumento da incidencia de tumores cerebrais”.

Entre eses estudos que citan atópase unha investigación realizada en Galicia que vinculou as altas concentracións de radon á aparición de tumores cerebrais. O traballo identificou unha quincena de concellos nas provincias de Ourense e Pontevedra onde a incidencia deste tipo de cancros é preocupante. En todos eles, a concentración de radon residencial era alta. Precisamente, Ourense e Pontevedra son os territorios coas áreas máis afectadas polo radon.

En Galicia observouse unha “correlación significativa” entre o radon residencial e a mortalidade por cancro cerebral en homes e mulleres, sendo maior para as mulleres

Os investigadores calcularon o risco relativo de morrer por cancro de cerebro para cada concello e correlacionaron ese valor coa concentración municipal de radon (é importante salientar que se tratou dunha correlación, non dunha causalidade). No estudo incluíronse 251 concellos, nos que se realizaron preto de 3.500 medicións de radon e unha media de 14 medicións do gas en cada localidade.

Os científicos observaron unha “correlación significativa” entre o radon residencial (no interior das vivendas) e a mortalidade por cancro cerebral en homes e mulleres, sendo a intensidade da correlación maior para as mulleres. Estes resultados reforzáronse cando a análise se restrinxiu a concellos con máis de 5 medicións de radon.

Polo tanto, o estudo realizado en Galicia suxeriu unha asociación entre o radon residencial e a mortalidade por cancro cerebral. Pero, como xa advertían os propios autores deste estudo, eran “necesarias máis investigacións que utilicen deseños epidemiolóxicos máis sólidos para confirmar estes achado”.

A investigación realizada en Estados Unidos reforza a hipótese de que o gas radon, ademais de ser un gas que pode causar cancro de pulmón, tamén pode orixinar un cerebral, engadido a ambientes con partículas contaminantes. Respecto disto, cren que os datos contraditorios sobre a asociación entre a exposición ao radon e a incidencia de tumores cerebrais en diversos estudos poidan resultar dun “efecto non contabilizado das partículas contaminantes do aire”.

Para os científicos estadounidenses, ten que ser “unha prioridade aclarar os mecanismos pouco entendidos detrás dos tumores cerebrais, pola alta carga de morbilidade e mortalidade asociada a estes”. Algunhas das taxas de incidencia máis altas obsérvanse en Australia, Europa e América do Norte.

CANCRO DE PULMÓN

Do que xa non hai dúbida de que o radon incrementa o risco de padecer cancro de pulmón de células pequenas. Son numerosos os estudos que así o ratifican, moitos deles realizados en Galicia, un territorio especialmente afectado por este gas.

Por exemplo, un estudo publicado en 2021, asinados por 16 investigadores de Galicia, Madrid, Asturias, Ávila e Porto (Portugal) atopou “unha asociación estatisticamente significativa” entre os niveis de radon e o risco de padecer un cancro de pulmón. Máis detalladamente, observaron que esta asociación é maior nos suxeitos expostos a concentracións superiores ao limiar que establece a Axencia de Protección Ambiental (EPA) de Estados Unidos para marcar o nivel de risco, de 148 Bq/ m3, que naqueles suxeitos expostos a concentracións inferiores a 50 Bq/m3.

Os estudos realizados en Galicia conclúen que a presenza de radon nas vivendas aumenta o risco de padecer cancro de pulmón

Estes resultados confirmaron os preliminares presentados en 2017 por este mesmo equipo de científicos que traballou no estudo ‘Small Cell’. Daquela, xa alertaran de que a concentración mediana de radon residencial á que estaban expostos os suxeitos era de 128 Bq/m3 e nun 8% dos casos mostraron concentracións superiores a 400 Bq/m3, máis do dobre do nivel de risco que marca a EPA.

Un ano antes, en 2020, investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, publicaron un estudo que concluía que o gas radon, un dos elementos con máis presenza nas vivendas galega por estar presente en rochas como o granito, provoca unha maior disposición a padecer cancro de pulmón.

Neste estudo, os investigadores certificaron un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial e, ademais, cunha relación lineal. A maiores, os investigadores identificaron igualmente que o tabaco produciría unha importante amplificación do efecto. “Así, unha persoa gran fumadora, pode chegar a multiplicar practicamente por 3 o seu risco de cancro de pulmón (xa de por si moi alto) se pasa de estar pouco a moi exposta ao radon no seu domicilio”, aclarou o investigador principal do estudo, Alberto Ruano.

RADON EN ESPAZOS DE TRABALLO

O problema da exposición ao radon non se limita a vivendas. Sábese que case a metade dos lugares de traballo analizados en Galicia supera os niveis de radon aceptables para a saúde.

Case a metade dos lugares de traballo analizados en Galicia supera os niveis de concentración de radon permitidos pola UE e a OMS

O primeiro estudo transversal en España sobre concentración de radon en distintos lugares de traballo, publicado en 2018, fíxose en seis comunidades autónomas: Galicia, Castela e León, Comunidade de Madrid, Baleares, Cataluña e Castela-A Mancha.

O resultados amosaron que os centros de traballo galegos superan en máis do dobre a concentración media de gas radon en todos os lugares medidos no estudo, e o 46 % ten niveis de concentración por enriba do máximo permitido pola Unión Europea e a Organización Mundial da Saúde.

Ese 46% de espazos de traballo mostrou concentracións maiores de 300 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire), o limiar que marcan a OMS e a UE para establecer medidas de mitigación do risco para protexer a saúde dos traballadores. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta