Bugallo mostra a súa "satisfacción, alivio e agradecemento" pola desconvocatoria da folga de recollida de lixo

Agradeceu á empresa concesionaria e aos sindicatos o "esforzo negociador".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrou a súa "satisfacción, alivio e agradecemento" tras a desconvocatoria da folga dos traballadores de Urbaser --empresa concensionaria da limpeza e recollida de lixo na cidade--, que estaba previsto que se iniciase este luns na capital galega ás portas das Festas do Apóstolo.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, durante unha entrevista con Europa Press, no Palacio de Raxoi, sede do concello de Santiago, a 23 de maio de 2022, en Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, durante unha entrevista con Europa Press, no Palacio de Raxoi, sede do concello de Santiago, a 23 de maio de 2022, en Santiago de Compostela | Fonte: César Argina - Europa Press.

Así, Bugallo agradeceu á empresa concesionaria e aos sindicatos o "esforzo negociador" que mantiveron este domingo ata medianoite e que "fixo posible este acordo e esta desconvocatoria". "Agradézolles o esforzo, a xenerosidade e o sentido común demostrado", reiterou o alcalde.

Nesta mesma liña, o rexedor destacou que "as dúas partes fixeron un enorme esforzo de cesión". Neste sentido, concretou, "por parte dos traballadores, aceptando un convenio a 4 anos e por parte da empresa, aceptando a consolidación das pagas nese prazo".

Para Bugallo, trátase dun acordo "moi razoable e moi xeneroso polas dúas partes", por iso, insistiu en "agradecelo explicitamente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta