O BNG insta o Goberno central a "rectificar" e incluír os trens Avant Ourense-A Coruña nas bonificacións

Considera "unha burla" que este servizo quede fóra das axudas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O BNG pediu ao Goberno central que "rectifique" e inclúa os trens de media distancia Ourense-Santiago-A Coruña nas bonificacións do 100% anunciadas para os abonos dos servizos ferroviarios de proximidade. Na estación de Ourense, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou "reconsiderar" que os servizos de media distancia Avant "non vaian poder beneficiarse desta bonificación de 100% para usuarios habituais".

Membros do BNG na estación de tren de Ourense
Membros do BNG na estación de tren de Ourense | Fonte: BNG.

Neste sentido, advertiu que "de non rectificar esta decisión", o Executivo de Pedro Sánchez "estará a prexudicar a moitas persoas usuarias do ferrocarril en Galicia" e, ademais, engadiu, "non se conseguirá o obxectivo de promover o uso deste tipo de transporte colectivo como medio habitual".

"A mellor maneira de promovelo non é con bonificacións de catro meses, senón favorecendo uns bos servizos ao longo de todo o ano", salientou Rego.

Así mesmo, o deputado insistiu en que Galicia se ve "dobremente prexudicada", "por carecer de servizo de proximidade e por non poderse aproveitar da bonificación en servizos de media distancia Avant".

Para os nacionalistas é "unha burla" que o servizo de media distancia Ourense-Santiago-A Coruña quede fóra destas bonificacións e critican que o Goberno "use como xustificación" que esta medida "só está orientada a persoas que utilizan o ferrocarril de maneira habitual para os seus desprazamentos habituais ou doutro tipo", unha función que, segundo o BNG, "cumpre maioritariamente o servizo de media distancia Avant".

Así, o deputado nacionalista instou ao Goberno central a "cambiar a política ferroviaria con Galicia" e pediu implantar o servizo de proximidade nas principais cidades e áreas metropolitanas de Galicia xa que, continuou, "existen as infraestruturas necesarias, só falta vontade política para aplicar liñas e frecuencias adecuadas e axustadas á realidade das persoas usuarias".ç

Ante isto, criticou que a única vía que o Goberno considera como servizo de proximidade en Galicia é o tramo Ferrol-Ortigueira, pero censuran que esta liña "está absolutamente deteriorada" polo que ten "moi poucos usuarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta