Os incendios máis grandes seguen aínda activos pero non aumentan en superficie

Este mes de xullo arderon en Galicia unhas 32.000 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

Polo momento, a información que ofrece a Consellería do Medio Rural sobre a evolución do lume en Galicia segue estable, xa que os grandes incendios, a pesar de continuar activos, mantéñense sen cambios en canto á superficie afectada desde o pasado xoves. Segundo a información trasladada pola Consellería do Medio Rural no seu último parte, este mes de xullo arderon en Galicia unhas 32.000 hectáreas.

A pesar de que estes datos non varían, os tres maiores incendios que afectan a Galicia desde fai máis dunha semana seguen activos. En concreto, o lume de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón --parroquias de Vilamor e Saa--, que se orixinou coa unión doutros catro focos, mantense cunha afectación dunhas 10.000 hectáreas, mentres que o da parroquia de Seceda, en Folgoso, queimou sobre 1.100 hectáreas.

En Ourense, o lume iniciado en Carballeda de Valdeorras --o máis grande de Galicia-- arrasou unhas 10.500, parte delas no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, aínda que a súa evolución é boa tanto en Galicia como en León, a onde pasou.

Por outra banda, no municipio de Oímbra (Ourense) a Xunta dá por controlados dous dos incendios que entraron desde Portugal. O de Videferre calcinou 800 hectáreas, segundo as estimacións provisionais, e o de San Cibrao afectou unha superficie de 400 hectáreas. O de maior superficie, o de Rabal, mantense estabilizado (non controlado) cunhas 2.100 hectáreas queimadas.

Así mesmo, permanece activo o incendio de Vilariño de Conso, en Ourense, que afecta o Parque Natural do Invernadoiro. Segundo os últimos datos da Consellería, son xa 5.800 as hectáreas calcinadas por este lume iniciado a pasada semana.

RESTO DE INCENDIOS

A lista de incendios activos en Galicia complétase con cinco máis na provincia de Lugo. Deles, catro están controlados. Trátase do da parroquia de Cereixido, en Cervantes --65 hectáreas--, os de Palas de Rei, parroquia de Ramil, e Antas de Ulla, en Santa Mariña do Castro de Amarante --375 hectáreas e 40 respectivamente-- e o da parroquia de Outeiro, en Quiroga --250 hectáreas--. Ademais, permanece estabilizado o de Nocedo, no municipio de Quiroga, que ata o momento calcinou unhas 15 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Xunta.

A esta superficie hai que engadir unhas 720 hectáreas de terreo queimadas por incendios dos que Medio Rural xa informou da súa extinción nos últimos días. En concreto, trátase dos de Cualedro --31 hectáreas--; Baiona --46 hectáreas--; Melón --dous lumes que suman 98 hectáreas--; Quiroga --83 hectáreas--; Ribadavia --67 hectáreas--; Covelo --37 hectáreas--; Cervantes, parroquias de Donís --75 hectáreas--, Noceda --182 hectáreas-- e O Castro --0,5 hectáreas--; e Rodeiro (Pontevedra) --110 hectáreas--.

Cartel de entrada a Folgoso do Courel afectado o incendio.. Carlos Castro - Europa Press
Cartel de entrada a Folgoso do Courel afectado o incendio.. Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta