O Sergas notifica 12 mortes con covid nos últimos días, a pesar da gran baixada de casos

Hai menos de 5.000 contaxiados "oficiais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2022 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) notificou este mércores as mortes de 12 persoas de entre 63 e 97 anos que estaban diagnosticadas de covid-19. Son óbitos correspondentes a días pasados, entre o venres 22 de xullo e o martes 26.

Con todo, de acordo cos datos feitos públicos na web da Consellería de Sanidade, actualizados ás 18,00 do martes, outros indicadores da pandemia seguen á baixa, por exemplo os casos activos, que xa se sitúan por baixo dos 5.000, e os ingresados, que xa descenderon dos 500.

No que respecta aos 12 novos falecidos notificados polo Sergas, todos eles contaban con patoloxías previas e elevan ata as 3.807 o cómputo de vítimas que deixa a pandemia en Galicia.

Por datas, o venres 22 morreron dous homes, un de 63 anos na área sanitagia de Vigo e outro de 68 na de Santiago-Barbanza. Ao día seguinte, o sábado 23, faleceu outro home, de 94, na área de Lugo-A Mariña-Monforte.

O domingo 24 de xullo, morreron diagnosticadas de covid catro mulleres: unha de 96 anos na área de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, unha de 94 na de Pontevedra-O Salnés, unha de 92 na de Lugo e outra de 90 na de Vigo.

En canto ao luns 25 de xullo, morreron tres homes (de 94 e 86 anos na área de Santiago e outro de 82 na de Lugo) e unha muller (de 97 na de Vigo), mentres que o martes 26 faleceu unha muller, de 78, na de Vigo.

MENOS INGRESADOS

A presión hospitalaria que deixa a pandemia en Galicia continúa en descenso cun total de 499 ingresados, 37 menos que hai un día. En concreto, son 471 pacientes en planta (-40), aínda que os que están en unidades de coidados intensivos ascenderon a 28 (+3).

A baixada é practicamente xeneralizada nas sete áreas sanitarias, coa única excepción da de Vigo, que contabiliza 62 ingresados --dous máis--, aínda que os que están na UCI mantéñense sen cambios, en cinco.

No resto de áreas, diminuíron. Na da Coruña-Cee, hai 101 hospitalizados (-16), dos que catro están críticos (-1). Séguenlle as áreas de Pontevedra-O Salnés, cun total de 89 ingresados (-3), cinco deles en coidados intensivos (+1); e a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 84 (-4), dos que seis están na UCI (+2).

A área de Santiago-Barbanza contabiliza 63 (-4), dos cales cinco (+2) están en coidados intensivos; a de Lugo-A Mariña-Monforte, 61 (-5), tres deles críticos (-1); e a de Ferrol, 39 (-7), sen pacientes covid na UCI.

SEGUEN EN DESCENSO Os CASOS ACTIVOS

Así mesmo, os casos activos de covid-19 en Galicia continúan coa súa tendencia á baixa, consolidada na ponte do 25 de xullo, e sitúanse nos 4.834 en total, tras diminuír en 383 nun día. Non había tan poucos pacientes covid desde o 27 de novembro de 2021, fai oito meses.

A baixada é unánime nas áreas sanitarias. Así, a da Coruña segue na cabeza con 1.017 infeccións activas (-93), seguida de Santiago con 754 (-59), de Ourense con 751 (-68), de Vigo con 745 (-68), de Lugo con 615 (-23), de Ferrol con 489 (-40) e de Pontevedra con 442 (-32).

O constante descenso dos casos activos é posible grazas a que as altas superan aos novos contaxios detectados a diario. Nas últimas 24 horas, o Sergas notificou 341 positivos por coronavirus.

No entanto, cabe lembrar que co protocolo actual non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral, salvo á vulnerable. De feito, no último día, o Sergas só realizou 636 PCR e 1.387 test de antíxenos.

Un profesional sanitario baixa da ambulancia na que viaxa un paciente con Covid-19 que foi trasladado desde o Hospital do Incio ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press
Un profesional sanitario baixa da ambulancia na que viaxa un paciente con Covid-19 que foi trasladado desde o Hospital do Incio ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta