"É importante que os hospitais establezan protocolos ante os casos de submisión química"

Francisco Aramburu, xefe de Urxencias do Hospital de Ourense, liderou a creación dun protocolo pioneiro en Galicia para atender as persoas que sospeiten ser vítimas de submisión química.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Estaba bailando cunhas amigas e de repente non recordo nada ata a mañá seguinte, cando espertei cun chico que me dixo que tiña que tomar a píldora do día despois porque o condón rompera". "Estaba saíndo coa miña parella e uns amigos e de repente non recordo nada, só algúns flashes nun parque con outros amigos. Segundo me contan acabei tirada nun portal". "Bebín o mesmo que bebo calquera día que saio, pero desde as dúas da mañá ata as dez que espertei no hospital, non lembro nada. Tivo que levarme a Policía, eu non era consciente de nada. O que máis pena me dá disto é que ultimamente sexa algo tan normal".

Francisco Aramburu, xefe de Urxencias del Hospital de Ourense
Francisco Aramburu, xefe de Urxencias del Hospital de Ourense | Fonte: remitida

Estes son tan só tres fragmentos de denuncias publicadas por mulleres galegas ao abeiro da campaña #DenunciaTuBar e da conta de Instagram co mesmo nome. A submisión química supón unha nova ameaza para os dereitos das mulleres, e precisamente fronte ás agresións sexuais no marco do lecer nocturno, o Ministerio de Igualdade vén de anunciar que todos estes locais contarán cun punto violeta. Ante unha táctica que semella en aumento, Galicia Confidencial conversa co xefe de Urxencias do Hospital de Ourense, Francisco Aramburu, que liderou a creación dun protocolo pioneiro en Galicia e dos poucos no Estado para atender posibles casos de vítimas de submisión química. O Sergas busca estendelo a todos os hospitais galegos

Como xorde este protocolo? Por que se viu a necesidade de implantalo?

Naceu en novembro do ano pasado porque se presentou a Policía Nacional no hospital para pedir apoio sanitario e alertar o persoal médico ante o incremento de casos de submisión química que notaban. A partir de aí tivemos varias reunións con diferentes sectores - forense, o servizo de análises clínicos, o servizo de traballo social, a Policía... -  e decidimos elaborar un protocolo de actuación ante a posible chegada dalgún caso.

Como funciona este protocolo?

O obxectivo é detectar, a través dunhas orientacións e duns posibles supostos, aqueles pacientes que sospeitamos que poden ter sufrido submisión química. O principal indicador de sospeita é que a persoa non recorde o sucedido, porque as drogas provocan unha anmesia anterógrada - isto é, que se produce dende o momento en que tomas a droga cara adiante no tempo -, e son utilizadas para cometer roubos ou abusos sexuais. 

Para estes casos, establecemos un nivel de prioridade dous, de maneira que sexan atendidas de forma inmediata, en non máis de 15 minutos, porque temos que ter en conta que este tipo de drogas en sangue se metabolizan moi rapidamente e cómpre actuar a tempo para extraer a sangue e poder detectalas.

Cando chega, levamos a paciente a un espazo discreto para facerlle unhas preguntas sobre a situación e a sintomatoloxía. E aquí o fundamental é que a vítima denuncie. Se chega ao hospital, que xa nos pasou algunha vez, e non denuncia, non podemos extraer mostras nin avisar á Policía Nacional, que adoita personarse aquí nestes casos. Se denuncia, temos a posibilidade, co consentimento informado dela, de extraer sangue e ouriños para mandalos inmediatamente a analizar e ver se hai restos de drogas. Se sospeitamos que hai unha agresión sexual ou violación, poñemos en marcha o protocolo específico para estes casos, que xa leva en funcionamento dende o ano 2018. Isto xa corresponde ao servizo de xinecoloxía e forenses que fan unha valoración. 

Que patróns extrae dos relatos cos que chegan as vítimas?

Normalmente as vítimas de subsimisión química indican que espertan nun lugar descoñecido, ou ao carón dunha persoa que non recoñecen, ou coa roupa alterada ou incluso espidas. O Instituto Nacional de Toxicoloxía afirma que no 70% dos casos este delito provócao un varón sobre unha muller. E tamén no 70% dos casos o agresor trátase dun coñecido da vítima - un amigo, a exparella, un veciño ou un coñecido recente... -, mentres que no outro 30% o agresor é descoñecido.

E que tipos de drogas están detrás destes casos de submisión química?

Burundanga, quetamina, éxtase líquido... A base sempre é o alcohol. Son drogas que provocan amnesia. 

Cantas veces se activou en Ourense este protocolo?

O rexistro detallado lévao forenses e Policía, pero dende novembro ata agora posiblemente o activamos en dez ocasións. A maioría mulleres, pero tamén algún home. A última hai dúas semanas. Unha rapaza que quedou ingresada en observación. 

E que lectura fai destes datos?

É alarmante. A min non me parecen poucos, parécenme moitos. Atendemos dez, pero haberá outros dez ou máis casos que non chegan ao hospital. Haberá moita xente que sofre unha situación así e non saiba ben a onde acudir.

 

Como reducimos esta diferenza entre os casos que acontecen e os que se denuncian?

 

Con información. Creo que a realidade da submisión química e o protocolo do Hospital de Ourense é moi importante que se difunda por parte dos medios de comunicación. As persoas teñen que estar informadas de que se mañá espertas nunha situación extraña, en que non recordas nada, ves que estás violentada pero non sabes por que, o peor que podes facer é ir para a casa, meterte na cama e esquecerte de todo. Iso pode entrañar problemas futuros e esperta sentimentos de culpabilidade. É fundamental denunciar. E tamén estender protocolos a todos os hospitais de Galicia e do Estado. Cando nós o fixemos, tan só atopamos un no Hospital Gregorio Marañón en Madrid. Estamos falando de moitísimos hospitais e non hai protocolos establecidos. 

 

Agora están saltando varios casos ao longo do Estado de mulleres que son drogadas a través dun pinchazo. Ao Hospital de Ourense chegou algún?

 

Non, destes casos non temos constancia. Con todo, os datos manéxanos os forenses e os resultados analíticos non figuran no historial clínico. O que si podo dicir é que entendimos dende que se puxo en marcha ao redor dunhas dez persoas. 

 

Entidades feministas piden que estes casos non se traten por parte dos medios dende o alarmismo para non crear un 'boom do medo' entre as mulleres. Como cres que debe trasladarse esta problemática á poboación?

O certo é que estes casos chegan ao hospital. Desde que iniciamos o protocolo, curiosamente, parece que chegan máis. Penso que non é porque haxa máis submisión química senón porque a detectamos máis. Tamén é importante deixar claro que o protocolo non só vai dirixido a mulleres, aínda que sexan a maioría, senón que tamén está pensado para botar man del no caso de homes. Non é unha cuestión de transmitir medo, é unha realidade. Ser vítima de abusos sexuais é unha situación moi desagradable e creo que os medios debedes poñer o foco nisto. Hai que advertir para que non suceda. E hai recomendacións preventivas que hai que poñer enriba da mesa: non apartarse da copa nas festas, poñer a man enriba, non tomar bebidas que che dean outras persoas, nin sequera amigos... E ter sempre o teu vaso controlado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta