Sanidade di que quedan "uns anos de escaseza" de persoal e apela a facer "da necesidade, virtude"

As medidas excepcionais para garantir o persoal na PAC aplicaranse ata o 18 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

As medidas excepcionais para garantir a cobertura do persoal nos puntos de atención continuada terán como límite temporal o 18 de setembro de 2022 e efectos desde o 15 de xullo deste ano, ambos inclusive. Así o recolle a instrución final remitida por parte da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, que ten data do 27 de xullo e que xa foi traslada aos implicados.

Esta instrución, recollida por Europa Press, ten como obxectivo "garantir as presenzas mínimas de persoal médico durante o período estival e compatibilizalas coas vacacións do persoal" en determinadas circunstancias, como poden ser ondas de calor, persistencia dun alto número de casos activos de coronavirus ou baixas laborais do persoal. Neste sentido, a instrución indica que non só se aplicará para o persoal médico, senón tamén para o persoal de enfermaría "como reforzo en supostos concretos".

As medidas excepcionais que contempla abarcan todo tipo de actuacións para captar persoal médico que poida cubrir as ausencias nos puntos de atención continuada, inclusive a suspensión das penalizacións aos traballadores (salvo as cuestións graves) ou a incorporación de persoal directivo e sindicalistas liberados.

Precisamente, nun acto na Estrada, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu este xoves que "aínda quedan uns anos de escaseza de persoal" no ámbito sanitario, polo que hai que "facer da necesidade, virtude", o cal relacionou coa incorporación de farmacéuticos para aliviar a carga de medicacións e receitas ao persoal facultativo.

GARDAS DE SUBSTITUCIÓN

Esta instrución incorpora tamén a implantación dun sistema de "gardas de substitución", que supón a inclusión de gardas localizadas --previamente comunicadas ás persoas-- para cubrir ausencias imprevisibles" nos fins de semana ou festivos. Estas gardas serían localizadas e retribuídas como tales, e no caso de mobilizarse para unha cobertura, será pagada como unha garda de presenza física.

O documento final da Dirección Xeral de Recursos Humanos tamén indica que "con carácter excepcional" as quendas de traballo programadas no calendario poderán ser movidas para garantir o funcionamento da PAC coas presenzas mínimas de persoal médico e enfermeiro, singularmente, os fins de semana. Será a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria a que determine as presenzas mínimas de cada ámbito e os correspondentes protocolos de actuación.

PROMOVER OS RESIDENTES

As xerencias das áreas sanitarias tamén deberán promover, segundo a instrución, que o persoal residente en formación en Medicina Familiar e Comunitaria, de cuarto ano, realice gardas nos puntos de atención continuada afectados xunto ao médico de familia da PAC obxecto de reforzo.

Esta mesma medida aplicarase ao persoal enfermeiro residente de último ano (enfermaría familiar e comunitaria e enfermaría pediátrica). O criterio de asignación de gardas será por rotación, a proposta da unidade docente, e a retribución destas gardas completarase ata percibir a contía equivalente á hora de garda actualmente vixente para o persoal estatutario da categoría de médico especialista e enfermeiro.

MÁIS INCENTIVOS ECONÓMICOS

Coa finalidade de incentivar as medidas extraordinarias previstas, a Dirección Xeral de Recursos Humanos poderá "autorizar complementos de produtividade variable" ligados á participación dos profesionais en programas especiais. As xerencias, pola súa banda, poderán adoptar calquera outra medida que sexa necesaria para o "reforzo e captación" de profesionais para a cobertura do persoal do sistema público de saúde que estea en posesión da especialidade de Medicina Familiar ou grao en Enfermaría.

Desta maneira, o documento tamén permite que especialistas en Medicina Familiar e Comunitaris doutros ámbitos de actividade "alleos ás áreas sanitarias" poidan "compatibilizar a súa actividade coa prestación de servizos ocasionais e excepcionais nos puntos de atención continuada" dos centros sanitarios públicos do Sergas.

VACACIÓNS

O documento co que o Sergas acudiu á mesa sectorial o 19 e 21 de xullo puña sobre a mesa a posibilidade de, "como último recurso, proceder á denegación, suspensión ou revogación" das autorizacións de goce de vacacións e permisos, apoiándose na legalidade vixente. Con todo, o primeiro borrador de instrución emanado dese encontro descartou recoller esta posibilidade, medida que foi rexeitada polos sindicatos con representación na mesa sectorial ante a formulación feita pola Xunta.

A instrución definitiva, con data do 27 de xullo, tampouco inclúe ningunha mención á suspensión do descanso do persoal. Si contén que a oferta de persoal da categoría de médico de familia con vínculo temporal sen nomeamento de longa duración ten un compromiso de vinculación estable dun ano, prorrogable ata dous anos.

Centro de saúde, atención primara / Europa Press. / Europa Press
Centro de saúde, atención primara / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta