“Hiro Hito” necesita estar fóra deste mundo

Núñez Feijoo emigrou a Madrid por segunda vez e se damos por acertadas as enquisas encargadas polos medios privados, o expresidente da Xunta será o vindeiro presidente de Goberno do Reino de España, polo que a pregunta é obrigada: como é posible que goce de tan bo cártel o responsable de que Galiza teña aumentado o número de persoas pobres e de ter triplicada a débeda pública da Administración autonómica? Esa boa fama a leste de Pedrafita é lóxica porque Núñez Feijoo mantén moi bo cartel na propia comunidade e os medios españois limítanse —polo xeral— a repetir a imaxe que proxectan a prensa, as emisoras de radio e a televisión galegas.

Por Félix Soria | A Coruña | 04/08/2022

Comparte esta noticia
Mais as elevadas posibilidades demoscópicas de que Núñez Feijoo presida o Goberno do Estado son en grande medida froito do traballo que fixo a secretaria xeral de Medios da Xunta, Mar Sánchez, que construíu e mantivo crible —o segundo ten moito mérito!— a imaxe do presidente Núñez Feijoo. 
 
Máis alá do PP e das institucións
 
Segundo a nomenclatura oficial, María del Mar Sánchez Sierra (A Coruña, 1969) é a secretaria xeral de Medios pero en realidade, sen esquecer os oficialismos, exerce de factótum da área de comunicación da Xunta e das súas relacións externas ao tempo que é a “fontaneira maior” de Núñez Feijoo, mesmo en asuntos máis alá do PP e das institucións.
 
Sánchez Sierra é unha profesional da cousa pública cuxo éxito e lonxevidade en cargos de confianza da Administración de Núñez Feijoo —a da Xunta é outra— ten un só piar e dous adornos “quedabén”.
 
O piar polo que é unha funcionaria políticamente especial é o diñeiro; ou sexa, os orzamentos da Xunta. E os dous adornos son: o número 1, a discreción profesional, tanto na ideas e nos xestos como á hora de falar, que en público é parca e sempre en voz baixa; e o adorno número 2 é a discreción persoal, calidade e condición que é perfecta por ser natural, en todo e para todo, mesmo —e isto é fundamental— na imaxe e no atavío.
 
A opacidade é natural
 
Eses dous adornos son máis intensos e influentes porque o criterio profesional que Mar Sánchez se autoimpón sempre —tanto no eido persoal como no profesional— é a opacidade, tanta que ninguén sabe o que fai e moito menos cando opera para o xefe e/ou o fai fóra de Galiza —por exemplo e ata non ha moito, en México.
 
A seguridade sen alardes que caracterizaron o traballo e as accións de Sánchez Sierra tiñan unha base tan sinxela como sólida: a confianza —ata o de agora absoluta— que lle brinda Núñez Feijoo, da que ambos facían alarde, de xeito que na Xunta todo o mundo sabía que Sánchez Sierra só dependía do xefe e, polo tanto, “non a importunen”…
 
A total confianza de Núñez Feijoo é a chave do poder case ilimitado de Mar Sánchez e a base da sua autoridade no ámbito funcionarial; de feito, o xefe do PP galego —líder é pouco— e Mar Sánchez decidían que medios “serios e correctos” son máis (ou menos) merecedores de ser informados, aconsellados, contratados, subvencionados e/o axudados pola Xunta. E iso en política “á española” dá moito poder, moito!... ata que de golpe deixa de dalo, tamén “á española”.
 
Feijoo-presidente sen Feijoo-persoa
 
Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Navarra, Sánchez Sierra centrou o seu labor en crear a imaxe de Feijoo-presidente, aínda que a medida que pasa o tempo dedica cada vez máis horas e con maior intensidade a protexer a imaxe creada e evitar ou controlar as informacións e as opinións que os medios difunden do xefe… 
 
Hoxe, o reto de Mar Sánchez —que tamén marchou a Madrid— é que os medios do resto de España manteñan a boa imaxe de quen é o líder da dereita española.
Ese labor defensivo gañou peso desde que transcendeu a estreita amizade de Alberto Núñez Feijoo cun reo de contrabando e narcotráfico. A crecente necesidade de protexer o mundo de Feijoo creou unha sólida comuñón de intereses —non só políticos—, coas vantaxes que iso comporta para a “empregada” —polo menos no curto prazo.
 
Unha das virtudes de Sánchez Sierra máis apreciadas polo PP de Núñez Feijóo —o PP galego é de Feijoo, nin Fraga controlouno como o herdeiro que impuxo Romay co apoio do PP madrispañol— é o uso discrecional e limosneiro que fai do diñeiro público, sexa en forma de adxudicacións, con ou sen intermediarios, ou con convenios librados a dedo aos aliados e amigos do PP… 
 
Onde non hai lei non hai delicto
 
A negativa a lexislar e regular a publicidade institucional non foi nin é un detalle baladí, senon unha decisión meditada e militante, pois sen lei nin normas aplicables é totalmente legal —e case imposible imputar delicto algún— a manipulación e a compra de información, vontades e páxinas enteiras, que é a norma nas relacións da Xunta con case todos os medios convencionais impresos e audiovisuais —exceptuados os audiovisuais que emiten só vía internet, casos de Nós TV e Cuac FM, entre outros irredutibles “papeis” e nativos dixitais. Poucos.
 
As contratacións se fan sen que se vexa dedo algún. Hai medios escravizados polos intermediarios, as coñecidas axencias de comunicación, o que permite que o poder político apenas figure, nin sequera facendo adxudicacións; resumindo, por esa vía indirecta tramítanse decenas de contratacións de contía maior e centos de contratos de contías menores outorgados ou repartidos sen que se vexa o dedo…
 
O sistema é case perfecto, “case” porque ocorrerá o que tantas veces cando marcha un “número 1” tan extremadamente controlador. O día que Núñez Feijoo marche da presidencia da Xunta —e con el Sánchez Sierra—, só entón e se o PP deixa de gobernar Galiza, falarán ata as pedras, unhas para vingar atropelos e outras porque é a fórmula máis sinxela de tapar que colaboraron coa bicha durante anos e sen escrúpulos.
 
Salvo sorpresa maiúscula, o mundo info-comunicacional da Xunta de Feijoo e a sua economía revelaranse como a punta do iceberg político do poder autonómico. 
 
Os trunfos electorais dan o poder e o poder, trunfos electorais
 
O tándem Feijoo-Sánchez reflicte como funciona o PP que xa non é o de Galiza nin o que deixou Fraga… Case que todos os trunfos electorais e políticos do PP de Feijoo foron obtidos porque tiña o poder, e en todos eses trunfos que á vez permitiran manter o poder foi peza imprescindible a maquinaria que pilotou Sánchez Sierra…
 
Como se non ía conseguir Feijoo que nengún medio de peso escribira nin falara dos seus avatares inmobiliarios ou dos da súa parella?, nin fora noticia da casona mercada a beira da ría de Vigo?, nin se falara no medios do domicilio coruñés dun “proxecto” de empresa, etc. e etc?
 
Hai cousas que lles ocorren ou lles ocorreron a Núñez Feijóo e/o á súa parella —e non só avatares inmobiliarios, tamén laborais ou caribeños— que serían noticia, non forzosamente escandalo, non é iso... pero o Feijoo-persoa é o “Hiro Fito” de Sánchez Sierra: un xeito de home-deus que reside fóra da realidade.
 
O “Hiro Hito” galego será tamén español?
 
Por que Feijóo non pode ou non quere estar neste mundo? Por que Feijoo necesita vivir fóra da realidade? Eses e outros interrogantes que vostede máis eu —como cada vez máis galegos e non galegos— abrimos só poden ser aclarados por el, por Mar Sánchez e por todas e cada unha das persoas que interviñeron en cada feito noticiable que nunca foi noticia nos grandes medios.
 
Houbo e hai feitos noticiables que só se coñecen en despachos de avogados, ou que só se comentan entre vellos políticos e xornalistas tanto ou máis vellos... Son, por exemplo, os segredos de diñeiros que só coñecen algúns banqueiros deste ou doutro lado do charco, ou de ambos…
 
Son cousas que só se comentan de forma cabalística nos círcos de confianza... Inxenuos!, pois todo membro dun círco de confianza sempre crea o seu propio círco no que acaba vertiendo todo o que sabe grazas ao círco superior máis todo o que intúe, e isto non o pode impedir nin a excelente controladora que é Sánchez Sierra!
 
Sempre que haxa unha fuga ou unha amenaza, en Madrid como en Galiza aparecerá —aínda que vostede non a vexa— María del Mar Sánchez, a creadora da gran solución que por ser tan grande, tan eficaz e tan perfecta creou o gran problema: construiu un “Hiro Hito” que necesita estar fóra deste mundo.

Mar Sánchez Sierra e Nuñez Feijóo
Mar Sánchez Sierra e Nuñez Feijóo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/