Rueda presume de gasto sanitario na Xunta: "manteremos esta aposta en 2023"

O presidente da Xunta apelou a ver "que parte de certeza hai e cal de psicose" nos casos de submisión química.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2022 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanza que os orzamentos para 2023, cuxo deseño se ultimará á volta do período estival, "manterán a aposta" polo gasto social e sanitario, con novas axudas --directas, pero "sobre todo" de estímulo-- para familias e empresas, á vez que, na liña dunhas previsións económicas pouco alentadoras, lanza un aviso: o próximo "non será un ano de proxectos faraónicos". 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pousa despois dunha entrevista con Europa Press.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pousa despois dunha entrevista con Europa Press.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

A mención de Rueda ao gasto social como unha constante do último ano chega nun momento particularmente delicado polas reiteradas denuncias de parte de profesionais e sindicatos contra a saturación da atención primaria galega. Unha problemática da que se levaba anos alertando pero que vén de coller forza este verán pola redución de profesionais --vacacións-- e o incremento de pacientes --turismo--.

En calquera caso, teito de gasto aprobado que roza os 12.600 millóns, o máis alto da historia autonómica, e dadas as dificultades do contexto post pandemia e os efectos da inflación, co transfondo da guerra de Ucraína, Rueda afirmou, nunha entrevista con Europa Press, que ten "claro" que tocará activar novas axudas a colectivos vulnerables e a empresas "que o van a necesitar".

"Teño claro que o ano que vén non vai ser o das grandes infraestruturas, nin de proxectos faraónicos", constatou, antes de avanzar que nin o gasto social nin o sanitario van descender. "Aí non podemos baixar a garda", esgrimiu.

Máis aló, preguntado acerca de se se retomará a 'Tarxeta Básica', cuxa retirada lle valeu duras críticas por parte da oposición, insistiu en que esta medida estaba exposta para un escenario específico, o da pandemia.

En todo caso, admitiu que "algunha axuda directa haberá que facer", pero puntualizou que, "sobre todo", o que ten en mente son "axudas de estímulo". "Moitas empresas van pedir que se lles axude a seguir exportando ou a ter maquinaria competitiva máis que unha axuda directa a fondo perdido", apuntou, ademais de garantir "as certezas e a estabilidade" que estean na súa man.

"NON" Á TAXA TURÍSTICA

Rueda, que se reservou as competencias de turismo tras porse á fronte da Xunta fai case tres meses, ten unha postura clara cando se lle pregunta pola posible implantación dunha taxa turística galega: un "non" rotundo. "Non nos facemos un favor e non sería bo para ninguén", xustificou, antes de negar "tajantemente" que haxa masificación turística en Galicia. "Non digo que ese risco non exista a longo prazo, pero estamos moi lonxe e é inxusto dar esa sensación", incidiu.

SUBMISIÓN QUÍMICA

Sobre se as administracións deberían regular controis máis duros para os locais cando se disparou o medo polas supostas picadas, o presidente apelou a ver "que parte de certeza hai e cal de psicose". Ademais, defendeu que o propio sector reforzou os controis, coa axuda das forzas de seguridade.

Tamén reafirmou as súas críticas ao decreto de aforro enerxético do Goberno, que ve "medidas cosméticas" e, sobre se deberían prohibirse as luces de Nadal como medida ejemplarizante, mostrou dúbidas cara a un paso tan "drástico". "Agora, que as haxa con mesura sería o lóxico", sentenciou. "Iso e non lanzar unha mensaxe de que dá igual e de que aumentando as luces de Nadal, aforras", advertiu, a modo de crítica velada ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta