Radiografía das emisións de gases invernadoiro en Galicia durante os últimos 30 anos

O país ten que diminuír aínda un 65% a súas emisións ata 2030 tras baixar un 36% en 30 anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/08/2022 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

As emisións de gases de invernadoiro causantes de cambio climático en Galicia ascenderon a 18.603.104 toneladas en 2020, o que supón unha redución do  35,9 % con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Para contribuír á meta dos 1,5 graos, Galicia debería diminuír as súas emisións polo menos un 65% en 2030. A Xunta elevou recentemente o seu obxectivo ao 55%, mais non concretou aínda unha folla de ruta para o lograr, a través da revisión da Estratexia Galega de Enerxía e Cambio Climático 2050.

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

Son datos do Observatorio Galego  da Acción Climática (OGACLI) que presentou o informe “As emisións de gases de invernadoiro en Galicia (1990-2020)”, baseado nos datos para Galicia extraídos do máis recente inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tan só en 2019-2020 as emisións galegas ficaron nidiamente por debaixo dos niveis de 1990. As razóns foron  o colapso da xeración eléctrica con carbón e o forte decrecemento económico en 2020 derivado da COVID-19.

O descenso nas emisións totais en 2020 con respecto a 1990 hai que atribuílo sobre todo  á desfosilización parcial do sector enerxético, que baixou as súas emisións en 11 millóns e medio de toneladas (-78%). Para iso, foron chaves a substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón pola procedente da nova potencia renovábel instalada (maioritariamente eólica) e a suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019. 

INDUSTRIA E TRANSPORTES

A industria e o tratamento de residuos tamén baixaron as súas emisións en comparación con 1990, se ben en contías moi inferiores ás do sector enerxético. Pola contra, medraron as emisións da agricultura e a gandaría e máis as asociadas ao consumo de enerxía fósil no transporte e noutros sectores.

O informe tamén recolle que o transporte de persoas e mercadorías é o sector no que máis creceron as emisións en relación a 1990 (+29,3%). Desde 2019 pasou a ser o que presenta maiores emisións, supondo o 22,5% das totais en 2020. E iso a pesar de que en 2020 houbo unha diminución interanual histórica do 18,3% nas emisións do transporte, debido ás restricións na mobilidade motorizada derivadas da COVID-19.

TRANSICIÓN ENERXÉTICA

"A aceleración da transición enerxética, a través tanto da redución da demanda como dun crecemento socioambientalmente adecuado das enerxías renovables, segue a ser a principal vía para afondar na redución de emisións de gases causantes de cambio climático", suliña OGACLI nun comunicado.

Así, lembra que o 70,7% das emisións están ligadas á transformación e o consumo de enerxía fósil ou que catro dos cinco maiores emisores industriais pertencen ao sector enerxético, sendo a central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) a maior fábrica galega de cambio climático en 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta