O incendio de Laza segue activo con 2.100 hectáreas e o de Boiro, extinguido tras máis dunha semana e 2.200 ha

A Xunta mantén que o de Laza evoluciona ben. O do Irixo, que arrasou unhas 680 hectáreas, está tamén "practicamente perimetrado" e evoluciona cara á súa estabilización. E o de Boiro, que queima 2.200 hectáreas, foi controlado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/08/2022 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural mantén que o incendio de Laza --que se uniu nun único lume co de Chandrexa de Queixa--, o principal que se atopa activo en Galicia, con 2.100 hectáreas arrasadas, está "practicamente perimetrado" e "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización". Así se recolle na última actualización de incendios, con datos das 19,30 horas, onde se observa que a superficie queimada nos principais lumes de Galicia mantense estable na tarde deste venres, sen incremento de terreo calcinado.

Un home fotografa as chamas do incendio forestal, a 10 de agosto de 2022, en Laza
Un home fotografa as chamas do incendio forestal, a 10 de agosto de 2022, en Laza | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

O incendio que se iniciou hai máis dunha semana, o xoves 4 de agosto, na parroquia de Cures, en Boiro foi extinguido. Segundo ratifica a Consellería de Medio Rural, as hectáreas arrasadas por este lume forestal ascenden a 2.200, das que 607 eran monte arborado e os 1.593 restantes, raso.

O lume de Boiro é o maior dos rexistrados ata agora durante o mes de agosto --aínda que lle segue de preto o de Laza-- e provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas, desaloxos e afectou a outra localidade da comarca, A Pobra.

Tamén está controlado o de Carballeda de Valdeorras, con 440 hectáreas, e o de San Xoán de Río, parroquia de Vilardá (20 hectáreas), mentres que o orixinado en Boborás (120 hectáreas) deuse xa por estabilizado. Ningún deles rexistra variacións en canto á superficie queimada nas últimas horas.

O do Irixo, pola súa banda, iniciado na parroquia de San Cosmede de Cusanca, continúa activo, con 680 hectáreas queimadas. Este xoves desactivouse a 'situación 2' no distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro tras remitir o perigo para os núcleos de poboación. Agora a Xunta remarca que está "practicamente perimetrado" e "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización".

LUMES EXTINGUIDOS EN AGOSTO 

Entre os extinguidos no mes de agosto, atópanse os de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas) como os de maior extensión.

Outro dos extinguidos máis significativos foi o do concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, xa que puxo en risco a reserva natural das Fragas do Eume, aínda que se apagou despois de queimar só 0,01 hectáreas de monte arborado. Tamén arderon 0,21 hectáreas en Vilariño de Conso, con afectación ao Parque Natural do Invernadeiro.

A lista dos xa extinguidos en agosto complétase con As Pontes (dous lumes de 109 e 60 hectáreas) Arbo (82 hectáreas), Calvos de Randín (50 hectáreas), Ponteareas (15,6 hectáreas), Ames (6 hectáreas) e Vilariño de Conso (0,21 hectáreas).

Todo iso tras unha segunda quincena de xullo na que arderon unhas 34.000 hectáreas en Galicia, cos lumes do Courel (11.100 hectáreas) e Valdeorras (10.500) como os maiores rexistrados na historia de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta