A loita por un monte vivo tamén se libra na escola: "O alumnado ten dereito a construír un territorio habitable"

Un incendio forestal que obrigou a desaloxar o IES Félix Muriel de Rianxo no 2019 foi o punto de arranque dun proxecto de educación medioambiental que converte o alumnado en axentes de acción climática.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A educación medioambiental segue escaseando nos currículos educativos establecidos nas escolas e institutos, que poucas veces contan con programas estruturais e transversais que aborden as problemáticas das que adoece o medio natural e, en consecuencia, todas as persoas que habitamos nel. Con todo, nestes últimos anos en que a crise climática deixa notar os seus efectos de xeito máis evidente sobre o territorio, agroman iniciativas impulsadas polo profesorado que procuran concienciar e activar o alumnado na loita contra o cambio climático a través de proxectos de transformación e mellora dos seus entornos.

Saída do alumnado do IES Félix Muriel ao monte
Saída do alumnado do IES Félix Muriel ao monte | Fonte: IES Félix Muriel

Un bo exemplo disto atópase no IES Félix Muriel de Rianxo, onde máis de 20 docentes están implicados nun proxecto educativo que coloca no centro, e da man das comunidades de montes da zona, a problemática dos incendios forestais, a necesaria xestión do territorio e o coidado da natureza no seu sentido máis amplo. Trátase dunha iniciativa que naceu no 2019 e que quere superar o enfoque derrotista e paralizante que adquiren moitas das mensaxes que hoxe en día se trasladan sobre a emerxencia climática. Aquí, o alumnado pasa á acción, intervén creativamente na súa contorna e tece vínculos coa veciñanza que garda o acervo do coñecemento comunitario. 

"Queremos que este proxecto sexa unha vía de crecemento onde o noso alumnado, futuros comuneiros, xeren ilusión e expectativas mesmo para a súa próxima vida profesional", explica Rafael Saco, profesor de Filosofía no instituto e impulsor deste proxecto a prol dun monte vivo e libre de lumes que xa busca novos horizontes de cara ao vindeiro curso. Falamos con el. 

Este proxecto naceu a partir dun incendio no 2019 que queimou unhas 1.400 hectáreas nos concellos de Dodro e Rianxo. Vivir esta realidade tan de preto faite máis consciente da urxencia de tomar medidas ao noso alcance?

O enfoque que debe adoptar a educación tal e como a entendemos no proxecto debe ser un factor que incida na realidade que temos, neste claso, coa crise climática. Os coñecementos teñen que poñerse ao servizo da corrección e aplicación de solucións. Ese incendio do 2019 afectou moitas familias do propio alumnado que vive no rural e chegou mesmo ao instituto, que tivo que ser desaloxado. Aí comeza un proxecto baseado na análise das causas e formas nas que podemos reverter a situación. 

Profesorado do IES Félix Muriel implicado no proxecto de educación ambiental durante unha xornada formativa
Profesorado do IES Félix Muriel implicado no proxecto de educación ambiental durante unha xornada formativa | Fonte: IES Félix Muriel

Como se artella e como funciona este proxecto?

No curso 2019-2020 un grupiño pequeno de profesores comezamos unha serie de iniciativas en relación coa realidade que se estaba producindo e a necesidade de reorganizar o espazo forestal. Cada vez xuntouse máis profesorado e departamentos e o proxecto foi gañando unha perspectiva máis ampla sobre a necesidade de intervir no territorio, con coñecementos e aprendizaxes académicas xunto coas comunitarias, para reverter o problema dos incendios. Dalgún xeito, fomos ampliando a noción de territorio para concibilo como unha totalidade complexa. Ademais, o proxecto tamén nace canda a articulación das comunidades de montes nunha Plataforma pola Defensa do Monte, e está vinculado con múltiples actores comunitarios como o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, o grupo de investigación Esculca da USC, a asociación de desenvolvemento rural Avoar... 

Trátase dun proxecto multidisciplinar no que está implicado moito profesorado. Como se constrúe esa transversalidade? Como é o día a día do proxecto?

Hai dous modos de adscrición do profesorado aos nós temáticos do proxecto: ben creando tarefas concretas nas distintas materias en determinados momentos do curso ou ben facendo parte dalgunha iniciativa máis consistente onde o proxecto ocupa unha gran parte do desenvolvemento curricular da materia. Entre as iniciativas que levamos a cabo neste tempo destaca un obradoiro audiovisual onde se elaborou o vídeo Monte Vivo e outro máis que se fixo este ano; a construción no patio escolar dunha Instalación Verde, sementeiras, zonas de asento, un xardín de aromáticas... coa implicación da materia de tecnoloxía nas construcións con madeira; e tamén a creación de murais e outras intervencións artísticas. Temos aí a actividade Caleidoscopio, onde tamén se quería vivir o territorio como experiencia estética e para a súa intervención creativa. En definitiva, hai varias iniciativas troncais e despois múltiples actividades que se foron desenvolvendo polos distintos profesores.

O feito de que este proxecto involucre as propias familias do alumnado a través das comunidades de montes e outros moitos actores comunitarios fai que trascenda as propias paredes do instituto. Tecer todas estas redes estimula aínda máis a implicación das crianzas? Como viven o proxecto?

Hai cada ano moitísimas actividades e a implicación do alumnado é clara e en moitos sentidos. O curso pasado impulsamos proxectos de emprendemento onde o alumnado, organizado en grupo, tiña un informante nunha comunidade de montes e debían presentar unha proposta concreta de modelo alternativo de xestión do monte. Saíron múltiples ideas: desde o emprego de cogumelos, a introdución da vaca cachena ou do porco celta no monte, ata aproveitamentos enerxéticos de biomasa... Este caso é un expoñente de como efectivamente o alumado se implica, busca alternativas á xestión do monte e propón vías de solución. Tamén se involucraron moito na substitución das 45 acacias que tiñamos no patio por frondosas e froiteiras. Este ano agardamos ter gromos destas árbores na Instalación Verde para poder trasladar ás comunidades de montes e seguir coidando eses vínculos con elas. 

"As mensaxes que adoita recibir a mocidade con respecto ao deterioro do planeta e a crise climática, incluso dende as instancias políticas, son sempre en clave derrotista"

Ao contrario doutros proxectos que só quedan na teoría, neste caso o alumnado convértese en suxeito de acción. 

As mensaxes que adoita recibir o alumnado con respecto ao deterioro do planeta e a crise climática, incluso dende as instancias políticas, son sempre en clave derrotista e, dalgunha forma, creando expectativas paralizantes, do que debería facerse e nunca se fai. Nós entendemos que o alumnado ten o dereito de reivindicar e construír un territorio habitable que pague a pena. Eles teñen que ser os protagonistas desa xestión. E por outro lado, cremos nun efectivo sentido da educación e dos coñecementos. Non podemos seguir traballando despois de tanto tempo con esquemas sinxelos que non nos resolven nada. Precisamos que os coñecementos se poñan efectivamente ao servizo da transformación. Aí o alumnado non participa dese tipo de fórmula paralizante e que xa supón unha derrota sobre o medio, senón que activamente reconstrue, xunto ás familias e o tecido comunitario, o seu propio modo de vida. Neste sentido son moi importantes as experiencias de aprendizaxe, o traballo por proxectos, unha comprensión da educación onde xa non acumulamos información nin mensaxes dadas, senón un tipo de praxe e de acción baseada no coñecemento. 

Debera ser este o método de aprendizaxe que aplicar noutras áreas de estudo? Que sexa a norma e non a excepción nos centros de ensino. 

Hai un perigo niso. Cando as cousas se masifican e se estenden é dificil que manteñan o nervio. Fai falta unha reestruturación real do que son os espazos docentes, as iniciativas, os tempos e as aulas... E todo iso ten que ver coa formación do profesorado, coa proxección dos coñecementos que precisamos máis ca nunca para reverter os grandes problemas. Eses coñecementos son o acervo necesario para intervir na solución de problemas. Isto conecta a academia cos saberes comunitarios, coas formas de cooperación e organización democrática que precisamos nun mundo onde a individualización nos illa. A escola pode integrar múltiples coñecementos das comunidades que se foron fraguando durante moito tempo e que son realmente valiosos. Non podemos pensar que o progreso vai unidireccionalmente condicionado polo propio desenvolvemento da lóxica produtivista e tecnolóxica.

"Está por facer que este tipo de proxectos non se esgoten na rutina senón que poidan retroalimentarse e manterse vivos"

O programa académico establecido reflicte a importancia do cambio climático e do medio ambiente hoxe en día?

Agora comeza a aplicación da LOMLOE, que abre novas posibilidades pero que volve formular solucións dende arriba, e isto non é un problema de lexislación senón de dinámicas que deben estar nas propias facultades, na formación do profesorado. Está por facer que este tipo de proxectos non se esgoten na rutina senón que poidan retroalimentarse e manterse vivos, e para iso é preciso que o profesorado teña disposición e coñecemento para poder facelo. Hai que ter en conta tamén que este tipo de proxectos multiplican exponencialmente as esixencias e as preocupacións a base de sacrificios persoais. Por suposto, terían que estar formando parte da organización didáctica e horario do centro. O sistema de timbre para as clases correspóndese cun modelo industrial onde a educación estaba ao servizo de crear man de obra especializada, pero van cambiando os contextos sociais e económicos e precisamos que a escola mude toda esa concepción organizativa, dos espazos, tempo e coñecementos, de acordo co que precisamos. 

No noso proxecto incorporamos a chamada pedagoxía da resonancia, unha disposición previa á asimilación de coñecementos onde caiba atoparnos co territorio, con nós mesmos, e non tanto co desenvolvemento dunha habilidade técnica. O desprazamento que houbo dos coñecementos das humanidades fai que carezamos de todo o tipo de acervo de coñecementos para facer un cambio real. E nós non queremos que isto quede nunha declaración de que estamos en crise climática. A transformación comeza pola nosa relación entre nós e co medio. 

Nunha sociedade bastante adultocéntrica, ás veces tense pouco en conta o que as crianzas teñen que dicir. Que aprendizaxes sacades o profesorado do propio alumnado neste proxecto?

Os marcos culturais cambian coas xeracións. Ao alumnado preséntanselle problemas ecolóxicos e de supervivencia que nós cando fomos mozos non tivemos que vivir. A educación debe conducir a unha acción liberadora e gratificante, onde poidas atopar sentido ao que fas porque hai unha proxección activa e modificadora do medio. Non se trata de asimilar puramente coñecementos vinculados con situacións de crise senón de integrar xa as aprendizaxes en modelos de acción e transformación. Isto é unha vía de crecemento onde se xera ilusión e expectativas, e vén acompañada da posibilidade de que o alumnado poida atopar formas de xerar actividades que lle sirvan para a súa vida profesional, para o futuro. 

"A educación debe conducir a unha acción liberadora e gratificante, onde poidas atopar sentido ao que fas porque hai unha proxección activa e modificadora do medio"

Que camiños lle quedan por percorrer ao proxecto?

Para o curso que vén queremos integrar o ámbito da ría de Arousa e do mar e traballar con todo o acervo de experiencias e coñecementos que están aí, coas confrarías, co sindicalismo no mar, as formas de xestión do marisqueo... Tamén continuaremos desenvolvendo modelos de ordenación do territorio e queremos poñer no foco a memoria dos maiores sobre como vivenciaron o monte. Unha iniciativa nova tamén ten que ver coa construción comunitaria das traídas de augas comunais, iniciativas que a veciñanza foi desenvolvendo de modo autónomo e que son oportunidades de aprendizaxes. Aí o alumnado vai estar en contacto coa xente a través de entrevistas e poderemos tratar a problemática da auga, a contaminación da ría...

Outro aspecto que nos interesa é o achegamento a outras tradicións culturais de respecto á terra, e o ecofeminismo como ferramenta necesaria para comprender o territorio dende o coidado e non dende a dominación. Agora que se fala da angustia climática, é importante crear espazos máis saudables de cercanía e onde se asenten as bases para modelos sustentables económicos e humanos. Continuaremos tamén con saídas didácticas para que o alumnado teña acceso a outros espazos non degradados, a 'sendas esquecidas', como lles chamamos. 

Cabe a posibilidade de replicar un proxecto coma este noutros centros? Estades en contacto con algún?

Si, de feito os incendios deste verán no Barbanza poden levar a que este proxecto engarce con outros centros da bisbarra e con comunidades de montes, incluso no Courel. Nestes anos estivo interesado algún centro e fomos presentar proxecto. Pensamos que un motor moi importante sobre o que se pode incidir é por medio das comunidades de montes. Como avaliamos logo os resultados de todo este traballo? Vendo o monte dentro de 12 anos. Aí poderase analizar a incidencia que pode ter un proxecto educativo sobre o territorio, porque os alumnos serán entón os propios comuneiros e os que poidan aplicar os seus coñecementos e ideas sobre a práctica. 

Alumnado do IES Félix Muriel participa no proxecto de educación ambiental do seu centro
Alumnado do IES Félix Muriel participa no proxecto de educación ambiental do seu centro | Fonte: IES Félix Muriel
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta