O Revenidas lanza a súa edición máis ambiciosa: cinco días de festival e máis de 40 artistas

O festival de Vilaxoán, que se celebrará do mércores 7 ao domingo 11 de setembro, organiza este ano actividades, concertos e unha gala de circo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2022 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O Festival Revenidas cumpre 18 anos e celebra a súa maioría de idade coa edición "máis ambiciosa" da súa historia, segundo destacou o seu organizador, Xoán Quintáns, sobre unha cita que se prolongará durante cinco días nos que acollerá máis de 40 artistas. Na presentación do festival, Quintáns resaltou que máis da metade son galegos e que tamén hai unha nutrida presenza de bandas do resto do Estado, así como outras de Portugal, Bosnia, Italia e Rusia.

Presentación do festival Revenidas. REVENIDAS
Presentación do festival Revenidas. REVENIDAS | Fonte: Europa Press

O Revenidas cumpre 18 anos e celebra a súa maioría de idade coa edición "máis ambiciosa" da súa historia.

O organizador do Revenidas subliñou tamén que este ano o festival recupera a tradicional sardiñada popular, tralos dous anos da pandemia. "Para nós é o epicentro da festa", dixo Quintáns. Terá lugar o domingo, nunha xornada na que o Revenidas abre as súas portas de par en par. Todas as actividades, tantos os concertos como a gala de circo, serán de balde, "para que a xente con menos recursos tamén poida ter acceso a un día de festival", engadiu.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, sinalou que o festival ten identidade propia como a ten o territorio ao que está indisolublemente apegado. "Ninguén entendería Vilaxoán sen música", dixo o rexedor. Como tampouco se entendería o Revenidas sen Vilaxoán. Para Alberto Varela, "o Revenidas é o máximo expoñente das músicas galegas" e  celebrou que o festival retorne "en todo o seu esplendor".

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, vinculou o éxito dos festivais este ano cos datos de afluencia de turistas e de peregrinos. A deputada de turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, chamou a atención sobre a "esencia mariñeira" coa que naceu o festival e informou de que o organismo provincial manterá a campaña de prevención das agresións machistas.

Como novidade, o cartel de Revenidas inclúe a Sinner, unha das artistas que participa no programa de fomento do talento feminino 'Descúbreas'.

CARTEL POR DÍAS

O mércores 7, o festival recibe a Boyanka Kostova e Amigxs (Pili Pampín, Grande Amore, Deus Ke Che Crew, Mundo Prestigio), Sinner, Kris K D e La Yaya Dj.

O xoves será a quenda do Adhesivo, Boikot, Gatibu, Suu, Copa Turbo, Ketekalles, Lamontagne & Picoamperio e La Duendeneta. O venres tócalles a SFDK, Lendakaris Mortos, Talco Moscow Death Brigade, SonDaRúa, Bratzantifa, Grande Amor e La Duendeneta e o sábado a Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría, Zoo, Dubioza Kolektiv, A Banda da Loba, Ladilla Rusa, Doen, Monoulious Dop, Plectro e La Duendeneta.

O domingo pechan Sés, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa, Louband, Gala de Circo XX Anos de Peter Punk e Amigxs, Compañía Paraíso e a sardiñada popular.

A venda de abonos e de entradas por día para o festival Revenidas 2022 poden adquirirse dende a web www.revenidas.com ou dende as redes sociais do festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta