Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 20:00
Un roteiro percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña o próximo sábado, 1 de outubro. Servirá como presentación do podcast 'Lobos doentes', dirixido por Eugenia Sanmartín, e con guión de Antonio Tizón, a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023.
A cuarta novela negra da serie de Tizón, logo de publicárense libros e podcast de Un home estraño, A antesala luminosa e Os incurábeis, desenvólvese en localizacións como o xardín de San Carlos, o convento dos dominicos, a praza da Fariña ou a rúa Tabernas.
A actriz e directora Eugenia Sanmartín interpretará fragmentos do programa, e tamén se dirixirán ás persoas participantes o académico Xosé Luís Axeitos e o músico Xurxo Souto, así como o comunicador Cándido Barral, o director de Radio Fene Radiofusión Henrique Sanfiz e o escritor Antonio Tizón. Cantará, así mesmo, o intérprete Óscar Fojo.
A camiñada comezará ás 12 da mañá na Libraría Berbiriana e finalizará cun xantar no Hotel Finisterre. As persoas colaboradoras de Son Radiofusión poden formalizar a súa reserva antes do 13 de setembro ás 12 do mediodía ao prezo de 40 euros. Desde esa data abrirase para a cidadanía en xeral cun prezo de 47 euros, incluído o correspondente seguro.
Son Radiofusión produce o podcast 'Lobos doentes' coa axuda da Deputación da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.