O WOS Festival chega a Santiago con estreas internacionais, DJ, cinema e conferencias

Celebrarase entre o 8 e o 11 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A VI edición do WOS Festival traerá a Santiago, entre o 8 e o 11 de setembro, estreas a nivel estatal e internacional, dj sets, cinema e un programa de conferencias. A nova entrega foi presentada este mércores cunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi na que participaron, entre outros, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director de Agadic, Jacobo Sutil; a tenente de alcalde e concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; e o director do festival, Iván Arias.

Para Arias, esta edición supón "unha volta á normalidade", na que continuarán presentando "propostas contemporáneas sobre o risco, a innovación e a exploración" co obxectivo de ofrecer "unha alternativa cultural e artística de calidade en Santiago". "Temos artistas moi difíciles de ver nesta situación periférica. Hai numerosas estreas en España e algún internacional. Son artistas moi especiais e únicos", comentou.

Pola súa banda, Rosón remarcou a "calidade indiscutible" desta cita cultural, que ademais "achega moitísimo a Compostela, máis aló da música, pola cantidade de eventos paralelos ás actuacións musicais". "Este festival é un perfecto exemplo da singularidade de Galicia que nos está axudando a ser cada vez máis atractivos para os viaxeiros. Así, estamos a vivir un Xacobeo sen igual, no que estamos a revivir non soamente o lecer, senón todos os sectores da nosa economía en todo o territorio galego", aseverou, por último, Nava Castro.

A edición deste ano desenvolverase en doce localizacións de valor patrimonial da capital galega: o museo CGAC, o Teatro Principal, as igrexas de Bonaval e da Universidade, as salas Capitol e Malatesta, a Fundación Eugenio Granell, a Sede Afundación, o Auditorio Abanca, cinema Numax, a Fundación SGAE e o Parque de Bonaval.

PROGRAMACIÓN

WOS arrincará o vindeiro xoves co concerto inaugural, que será audiovisual, de Holy Other, que se celebrará no Teatro Principal. O seu espectáculo inclúe imaxes do artista visual portugués Pedro Maia. A programación estenderase todo o fin de semana. Tanto o programa de conferencias sobre o pensamento e debate, como os concertos e dj sets programados no Parque de Bonaval son actividades de acceso libre.

O programa inclúe ademais a estrea mundial de 'ATAARPHONOAK', o espectáculo audiovisual do estadounidense Rafael Anton Irisarri e Florence To; numerosas estreas en España, como a presentación do novo traballo da italiana Caterina Barbieri ou o debut en España do británico Blackhaine.

O festival está organizado pola produtora compostelá 'WORK ON SUNDAY' e conta co apoio estratéxico de SON Estrela Galicia, e co apoio institucional do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña, a Xunta de Galicia a través de Xacobeo 21-22 e AGADIC, ademais doutras institucións e axentes culturais que operan na cidade. Tanto os últimos abonos como as últimas entradas de día, así como as de actividades puntuais, pódense adquirir a través de https://wosfestival.es.

Presentación do WOS Festival en Santiago de Compostela. WOS FESTIVAL
Presentación do WOS Festival en Santiago de Compostela. WOS FESTIVAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta