O Congreso Internacional de Toponimia coloca Galicia no centro da especialidade

Ao longo de tres días, o encontro reunirá especialistas reputados de Galicia, toda a Península Ibérica, Italia e Francia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2022 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Arrinca o Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, que comezou na mañá deste mércores na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, onde se darán cita ata o venres reputadas persoas especialistas en nomes de lugar de Galicia, a Península Ibérica e Europa.

Inauguración do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago. RAG
Inauguración do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago. RAG

O académico electo Gonzalo Navaza impartiu o relatorio de apertura do congreso, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica (AGON), e o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O profesor da Universidade de Vigo ofreceu unha intervención dedicada ás etimoloxías xacobeas na que abordou dende a orixe dos nomes de Santiago e Compostela ata a aparición de iconas universais xacobeas como a vieira.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, salientou a importancia deste encontro para "proxectar internacionalmente Galicia" como referencia dos estudos toponímicos. "Este congreso confirma a Real Academia Galega, e o mundo académico galego en xeral, como un dos centros da toponimia, non só polo enorme riqueza que ten a nosa terra en nomes de lugar, senón pola tradición dos estudos de toponimia”, resumiu.

A académica Ana Boullón, organizadora do encontro xunto á académica e presidenta de AGON, Luz Méndez, destacou que o propósito do congreso é "impulsar as novas investigacións sobre os nomes de lugar en Europa, a través dunha chamada á sistematización dos estudos científicos neste eido relacionados coas distintas rutas xacobeas".

Alén dos aspectos filolóxicos, ao longo dos tres días os relatores e relatoras achegarán novas olladas dende outros eidos. “Queremos que o europeísmo e tamén a multidisciplinariedade percorran estas xornadas: a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos distintos eixes deste congreso”, detalla.

RELATORES DA PENÍNSULA, ITALIA E FRANCIA

Polo Congreso Internacional de Toponimia pasarán numerosas persoas expertas ao longo destes tres días. As sesións do xoves profundarán en cuestións relacionadas coa área catalá-valenciana, Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, presidente da Academia Aragonesa de la Lengua e director do Institut Aragonès del Català; Carlos Rocha, investigador do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.

O programa do venres centrarase no Camiño de Santiago en Europa, a cartografía e a historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés; Marta Montilla, do Instituto Geográfico Nacional; Carlos Baliñas, José Carlos Sánchez Pardo, e Irene García Losquiño.

O programa de relatorios completarase cun concerto aberto a todo o público do zanfonista Germán Díaz, acompañado no clarinete baixo por Pablo Pascual. O espectáculo, titulado A zanfona e o Camiño de Santiago, terá lugar o xoves 22 de setembro (19:30 horas) no salón de actos da Facultade de Filoloxía da USC.

A ORIXE DE COMPOSTELA

O de Compostela foi un dos nomes de lugar abordados por Gonzalo Navaza na conferencia inaugural, un exemplo que dá conta da pegada das crónicas do Camiño, lendarias e reais, na toponimia. O académico electo lembrou que, malia a popularidade da tese, non significa "campo de estrelas" e apunta que a súa orixe está en realidade en composta. Polo tanto, Compostela é o diminutivo do resultado común galego do participio do verbo latino COMPONERE, verbo con múltiples significados, dende compoñer e construír ata adornar. 

Gonzalo Navaza tamén analizou outros topónimos que gardan relación co fenómeno xacobeo. É o caso das "Vianas", que teñen como ascendente remoto a francesa localidade de Vienne (Francia), onde foi arcebispo o papa Calixto II, grande impulsor do Camiño de Santiago coa concesión do ano santo compostelán. A primeira delas rexistrada na Península Ibérica, adoptando a forma occitana Viana, é Viana do Bolo, territorio antes chamado Robreda. A súa actual denominación aparece rexistrada por primeira vez no ano 1206 na carta de poboamento concedida polo rei don Afonso (1171-1230) no momento do nacemento da burguesía. Despois chegarían a Viana navarra e Viana do Castelo, coa mesma motivación.

O da Coruña é outro dos topónimos xacobeos estudados por Gonzalo Navaza que non proceden da tradición local, senón que foi tamén asignado polo rei don Afonso inspirándose nas crónicas carolinxias do Códice Calixtino, propón o filólogo. Antes de pasar a chamarse Crunia no ano 1208, lembra, a cidade coñecíase como Faro, nome que á súa vez substituiría o antigo Brigantium.

Gonzalo Navaza tamén aborda na súa contribución ao congreso outras etimoloxías xacobeas alén da toponimia. Unha delas é a da palabra vieira, icona universal do Camiño. "Como símbolo dos viaxeiros, da peregrinación, é unha creación da lingua galega. Só en galego conflúen nunha mesma palabra o substantivo que designa a cuncha do bivalvo do mesmo nome e o adxectivo relativo ás vías dos camiños", concluiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta