Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2022 | Actualizada ás 14:00
O 61,4% das mulleres en idade fértil declara que nunca mantén relacións sexuais sen método anticonceptivo, e o 15,8% señala que non o fai case nunca. Polo contrario, o 21,3% recoñece que mantén relaciones sexuais sen método anticonceptivo con bastante frecuencia, porcentaxe que se sitúa en torno ao 26% entre as mulleres de 30 a 34 anos, segundo a Enquisa Nacional de Anticoncepción do 2020 da Sociedade Española de Contracepción
A enquisa tamén mostra como o 64% das mulleres afirma que foi a un médico ou xinecólogo para que lle indique cal é o método anticonceptivo máis idóneo no seu caso e que a taxa de mulleres en risco de embarazo non desexado se sitúa no 22,9% do total de mulleres que non utilizan anticonceptivos, o que equivale ao 6,2% do total de mulleres en idade fértil.
Ante isto, a Sociedade Española de Farmacia Familiar e Comunitaria (SEFAC), a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), que agrupan a máis de 25.000 médicos e farmacéuticos, emitiron un posicionamiento científico a favor da dispensación sen receita da píldora de uso regular de só xestáxenos nas farmacias, ao ser un medicamento cun perfil de seguridade adecuado. Galicia Confidencial fala co portavoz da SEMG, Lorenzo Armenteros, para coñecer a fondo esta proposta.
Por que solicitades poder dispensar a píldora anticonceptiva só xestáxenos sen necesidade de receita?
Os tres puxémonos de acordo por un motivo fundamental e é que estamos falando dun anticonceptivo que é seguro e eficaz con moi poucos, ou ningún, efecto secundario e risco e isto permite que a muller poida decidir dunha forma individual acceder a un fármaco sen a necesidade dunha prescrición previa para a súa dispensación. Con isto intentamos evitar que a anticoncepción sexa unha barreira e que calquera muller poida acceder libremente a un método anticonceptivo sen necesidade de estudo previo nin prescrición de receita.
Que beneficios tería para as mulleres poder acceder a ela sen receita?
Ter un acceso moito máis libre. Non poñer ningunha porta nin restrición que impedise acceder a un sistema anticonceptivo que é seguro e eficaz. Que ela poida decidir se quere un anticonceptivo unha vez informada. Tendo a posibilidade de saber, a partir da información que se lle dea na farmacia, de todos os sistemas de anticoncepción que existen para elixir un e, se quere, pode decidir polo de máis fácil acceso que sería a píldora anticonceptiva de só xestáxenos.
Que dificultades encontra unha muller á hora de acceder a un anticonceptivo?
Noutros tipos de anticoncepción necesítanse unhas probas e unha indicación concreta por parte do médico que ten que valorar certos aspectos antes de prescribir un sistema de anticoncepción. Ten que valorar unha serie de parámetros para poder prescribilo. Neste caso dáse a casualidade de que como non ten practicamente efectos secundarios eliminaríase ese paso previo da valoración dun médico da prescrición. Podería realizarse libremente sen necesidade de facer un estudo previamente.
Son seguras as píldoras anticonceptivas?
A evidencia científica confirma o que nós dicimos. Moitos países do noso entorno xa tomaron esta decisión. En Reino Unido dispénsase sen receita médica, en algúns países como Nova Zelandia só se fai a primeira preincrición e en países como Estados Unidos hai un posicionamento de moitas sociedades científicas para que isto se tome da mesma maneira que estamos facendo nós. Só buscamos favorecer a decisión que pode tomar unha muller de acceder libremente, de forma sinxela e sen barreiras a un anticonceptivo que está dispoñible nas farmacias e evitar os males que poder ocorrer por un embarazo non desexado.
Este método non é nin o mellor nin o peor nin o máis usado. É o método que ten máis seguridade e un grao de eficacia similar ao resto. Ao ser o de maior grao de seguirdade é polo que nós nos posicionamos para que sexa dispensado sen receita médica.Ademais, é unha recomendación da OMS, que insta aos Estados a que tomen medidas para que os métodos anticonceptivos sexan o máis accesibles para as mulleres, que ao final son as que deciden pola súa saúde sexual e reprodutiva.
Recibirían as mulleres información previa sobre a posibilidade de acceder ao fármaco sen receita?
O concepto de dispensación no é só vender a receita sen nada máis, senón que conleva un proceso de información que se realizaría nun lugar determinado, neste caso as farmacias, para poder falar con elas e informar antes de dispensala. No posicionamento inclúese a necesidade de realizar esa información previamente. Iso á hora de adquirir a receita, a hora de falar de anticonceptivos necesítase unha información xeral, sobre todo a poboacións máis fráxiles como poden ser os adolescentes, para evitar embarazos non desexados nesa poboación. É necesario que por parte de todas as autoridades sanitarias e todos os implicados na saúde fagamos ese papel informativo para que se convertan en usuarios expertos e que poidan ver o que hai e o que pode ocorrer se non toman medidas para poder actuar dunha forma completamente consciente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.