A Xunta mantén a situación de seca prolongada en toda a demarcación Galicia-Costa

Alerta dos "baixos niveis dos ríos e dos encoros".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/10/2022 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

A Oficina Técnica da Seca acordou manter a situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa ante os "baixos niveis dos ríos e dos encoros". A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu este venres unha nova reunión da Oficina na que participaron os representantes dos departamentos de Protección Civil, MeteoGalicia e da Consellería do Medio Rural.

Reunión da Oficina Técnica da Seca
Reunión da Oficina Técnica da Seca | Fonte: Xunta de Galicia.

Segundo informou a Xunta, o día 1 de outubro comezou o novo ano hidrolóxico que se contabiliza ata o 30 de setembro do próximo exercicio, co cal na reunión realizaron un balance das achegas hídricas na conca Galicia-Costa no período 2021-2022.

Os resultados concluíron que os recursos hídricos eran menores que os doutros anos, un 44,77% menos que a media histórica que é "o segundo peor dato dos últimos 12 anos".

Sobre a base da análise dos indicadores particularizados, a Oficina acordou manter para os subsistemas de Baiona e Zamáns as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga. O Executivo autonómico lembrou que estes sistemas abastecen ao concello de Nigrán, Baiona e parte do de Vigo.

Así, na reunión examinaron "de forma detallada todos os encoros", co resultado de que os de Baíña e Zamáns "teñen rexistros de ocupación mínimos dos últimos 10 anos". Baíña atópase ao 32%, un 22% inferior á media histórica; e Zamáns, ao 38%, un 21% por baixo, segundo informou a Xunta.

Nesta liña, avaliaron "de forma pormenorizada" a evolución do encoro de Cecebre, actualmente ao 43%, o que supón un 21% inferior á media, pero "este sistema aínda non presenta indicadores de alerta como no caso dos anteriores".

Así mesmo, decidiron continuar a situación de prealerta pola escaseza de auga nas concas dos sistemas do río Verdugo; da ría de Vigo e a de Baiona; na costa de Pontevedra; no río Lérez e na ría de Pontevedra; no río Tambre e a ría de Muros e Noia; no río Grande e na ría de Camariñas e a costa da Coruña ata o límite de Arteixo; no río Anllóns e no Mero.

ANÁLISE HIDROLÓXICA E METEOROLÓXICA

En referencia aos caudais circulantes, constataron que "continúan en valores inferiores aos habituais para esta época do ano", un 32% con respecto aos rexistrados no últimos dez anos.

A ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é do 57,28%, fronte a unha media do 71,05%, un 14% inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021.

Polo que respecta á situación meteorolóxica, as precipitacións globais en Galicia durante setembro alcanzaron valores normais con respecto aos rexistros históricos para ese mes. Ademais, a choiva acumulada na zona oeste foi superior á do interior da provincia de Lugo ou Ourense.

Finalmente, sinalou que estas choivas "ocasionaron unha lixeira melloría" na maior parte dos sistemas de explotación da demarcación, que permitiron que a situación non empeorase. "Aínda así, non se alcanzaron cambios de estado nos sistemas, polo que a situación mantívose e por iso débense continuar as medidas adoptadas ata agora", sentenciou o Goberno galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta