A Comisión Europea descarta unha revisión "automática" do veto á pesca de fondo

Ana Miranda (BNG) reclama na comisión de pesca da Eurocámara a suspensión desta medida.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 10/10/2022 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A Comisión Europea avisou este luns de que aínda que está aberta a unha revisión do veto á pesca de fondo en 87 zonas protexidas do Atlántico recentemente imposto, esta dependerá dos datos científicos que se coñezan o próximo 16 de decembro e, en todo caso, "non levará automaticamente" a unha nova decisión, senón que abrirá un proceso que non concluiría antes da primavera do próximo ano.

"A revisión anual non leva automaticamente a un novo acto de execución. O regulamento sobre augas profundas de 2016 obriga á Comisión a actuar con base científica polo que hai que esperar un novo ditame científico", dixo o director xeneral adxunto da Dirección Xeral do Mar da Comisión Europea, Kestutis Sadauskas, nun debate con eurodeputados.

O funcionario --que substituíu na comisión de Pesca da Eurocámara ao comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, quen cancelou a súa asistencia a última hora por unha lesión no xeonllo-- precisou que os servizos comunitarios esperan un novo ditame o "16 de decembro" e que toda reavaliación leva uns procesos de consulta e estudo que dilatarían toda decisión polo menos a "primavera de 2023".

Ademais remarcou que o veto se aplicará unicamente a partir dos 400 metros de profundidade, mentres que ata ese nivel estará permitida tanto a pesca de fondo como outros tipos, e iso non por un cambio de parecer de Bruxelas senón porque así o establece o regulamento desde o seu inicio.

O representante comunitario quixo tamén chamar a un debate "sereno" tras semanas de tensión, un comentario que non dirixiu expresamente a ninguén pero que se produce días despois de que Bruxelas corrixise ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, cando este asegurou que a Comisión levantaba parte da prohibición de pesca.

Na súa exposición, Sadauskas quixo insistir en varias cuestións clave do pulso con España e Irlanda, países que rexeitan o veto, a primeira delas defender que Bruxelas "non cambiou nin podería cambiar" un "ápice" do que marca o regulamento de 2016 para augas profundas que obriga á UE a limitar as capturas nas zonas protexidas e que se baseou estritamente nos ditames científicos dispoñibles.

Tamén remarcou que o regulamento de 2016 foi o resultado do acordo entre os Vinte e sete e do Parlamento Europeo, polo que a prohibición que entrou en vigor este domingo "non é unha decisión política da Comisión Europea", senón o resultado das regras negociadas polos dous colegisladores.

Pescadores
Pescadores | Fonte: arquivo

BNG

A eurodeputada do BNG Ana Miranda solicitou a suspensión do veto. "É vergoñoso que tomase esta decisión de costas aos afectados", sinalou, á vez que advertiu do "grave impacto" que ten sobre o sector pesqueiro galego. Na súa intervención, Miranda realizou a solicitude "formal" dos informes de impacto económico e os científicos da DX Mare e do ICES en que se baseou a Comisión para tomar esta decisión, segundo apunta o Bloque.

Tamén pediu os datos enviados polo goberno español á propia Comisión a respecto das frotas e instou ao comisario a que se desprace a Galicia "para falar co sector". "Estamos ante un golpe da burocracia e da ignorancia, e de marxinar á pesca por razóns comerciais", criticou, antes de preguntarse se a Comisión sabe "que é un palangre", unha arte "móbil", incluído na prohibición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta