Rueda segue con Jácome a súa rolda de alcaldes, pero sen acordos pechados para Ourense

Foi unha cita con varios asuntos, como o parque acuático termal cuberto.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, continúa en Ourense a súa rolda de reunións cos rexedores das urbes galegas e este martes citouse co alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome. Foi unha cita con varios asuntos, como o parque acuático termal no foco, pero sen acordos relevantes. A cita, que durou hora e media, foi cualificada polo titular autonómico como "cordial e operativa" e desexou que "sirva para traballar polos cidadáns de Ourense" no marco das "competencias de cada un". "É para o que nos pagan", esgrimiu.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante un pleno no Concello de Ourense, a 6 de maio de 2022
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante un pleno no Concello de Ourense, a 6 de maio de 2022 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Así, o presidente da Xunta coñeceu as principais demandas do alcalde de Ourense, quen pola súa banda sostivo que "hai algúns puntos que poden aliviar", pero matizou que, "realmente, Ourense necesita investimentos radicais para deixar de ser a Cincenta de Galicia".

Neste sentido, Jácome manifestou que lle pide "o mesmo ao Goberno autonómico que ao Estado español", lamentando que "en Ourense hai moitísima xente necesitada socialmente, moitísimos xubilados e pouca mocidade" e que ambos os gobernos "digan que axudan moito". Moitas grazas, primeiro facédesnos pobres e logo dádesnos esmolas", afeou Jácome.

Nesta mesma liña, manifestou que Ourense "é unha cidade que tivo que emigrar" e que segue emigrando, e dixo que é preciso recibir axudas, pero "o que hai que ver é que clase de axudas". Deste xeito comparou a situación de Ourense coa de Santiago, "que hai 30 anos os parámetros estaban un pouco por baixo de Ourense e que agora mesmo ten unha renda per cápita un 45% superior".

"Iso é porque teñen empregados públicos", expuxo, exemplificándoo entre outros organismos coa propia Xunta de Galicia, manifestando que "obviamente os funcionarios teñen un salario superior ao do mercado privado", e por iso a renda é superior en Santiago de Compostela." "Agora mesmo Santiago é rico porque a Xunta decidiu alí investir o diñeiro de todos os galegos, non por mérito propio", sentenciou.

Así as cousas, entre as peticións ourensás o rexedor propuxo un dos seus grandes proxectos, co que chegou a presentarse ás eleccións municipais, a construción do parque acuático termal cuberto.

Outro dos grandes puntos foi a localización da sede de intelixencia artificial, un punto no que manifestou que non houbo consenso coa Xunta de Galicia porque Rueda "está a se abster, dicindo que o ten que decidir o nodo, cando claramente é unha decisión política". "Ironicamente, pregunteille se a Cidade da Cultura tamén a elixiu o nodo", dixo Jácome.

Tamén propuxo converter Ourense nun "gran pulmón verde", cunha "plantación masiva de árbores frondosas" para evitar que a cidade "sexa un sitio inhóspito nos meses de verán", lembrando que ten as maiores temperaturas de todo o norte peninsular e explicou que a Xunta de Galicia si apoia esta proposta.

Pola súa banda, o presidente autonómico fixo un repaso de investimentos que xa se atopan en funcionamento e diferiu con respecto ao parque acuático termal. "É unha proposta que haberá que estudar, na que a Xunta non se nega, pero que polo momento só foi unha comunicación verbal sobre a cal é moi difícil opinar", respondeu Rueda, engadindo que ademais "haberá que comprobar a compatibilidade" co parque acuático que a Xunta ten en obras en Monterrei. Con todo, si recoñeceu que "non" lle parece "unha mala proposta". "Outra cousa é a realidade", precisou.

Un pronunciamento similar realizou en relación á proposta da "masiva" plantación de árbores. O titular autonómico dixo que se apoian este tipo de iniciativas e que de feito, xunto á Universidade Laboral, plantarán 300 frondosas, pero que polo momento é unha proposta verbal que terán que analizar os técnicos.

E respecto da axencia de intelixencia artificial sostivo que o que a Xunta ten que facer neste momento "é tentar que de Galicia saia unha única proposta", porque "está claro que se saen varias ao organismo que decida xa lle están pondo moi fácil a súa decisión". "Non sería un bo plan", manifestou, antes de insistir na necesidade de que o estude o nodo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta