As loitas paralelas ao cancro de mama: mulleres sen apoio psicolóxico e en risco de exclusión

Neste 19 de outubro, Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, as asociacións de pacientes piden poñer o foco nas carencias aínda non cubertas e dificultades económicas que sofren moitas mulleres que atravesan a doenza.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Olga Sotelo diagnosticáronlle cancro de mama hai 16 anos. Pasou o tempo dende aquela pero non esquece o momento en que llo comunicaron na consulta médica. "Deixoume sen fala, en sock", rememora. "É duro de asimilar e co tratamento inicias un camiño difícil, pero hoxe son unha supervivente". A súa vida, di, deu un xiro de 180 graos. "Convérteste noutra despois do diagnóstico, cambias incluso a forma na que pensas, o que valoras e o que deixa de importarche". Hoxe, Olga é presidenta de ADICAM, a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama, con sede en Cangas, Moaña, Pontevedra e Vigo. 

Mulleres da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama, ADICAM
Mulleres da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama, ADICAM | Fonte: ADICAM

Con máis de 20 anos de traballo ás costas, esta asociación é hoxe en día unha referencia en Galicia no apoio ás pacientes de cancro de mama e xinecolóxico e tamén ás súas familias. Naceu da man de Fina Acuña, a súa primeira presidenta, e ao redor dela agromou un equipo de traballo que atende as diversas necesidades coas que chegan as pacientes, entre elas, atención psicolóxica, orientación laboral, nutricional ou fisioterapia. Porque o cancro de mama, explican dende a asociación, afecta todos os eidos da vida dunha persoa e cómpre abordalo dende unha perspectiva máis ampla que a estritamente sanitaria.

O TUMOR MÁIS DIAGNOSTICADO DO MUNDO

O cancro de mama é o terceiro tipo máis frecuente no Estado, tan só por detrás do colorrectal e o de próstata; e é o máis diagnosticado en todo o mundo - segundo o Centro de Investigacións sobre o Cancro -, sobre todo entre as mulleres, cunha incidencia de 161 casos por cada 100.000. Para este 2022, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) prevé que se detectarán 19.992 casos de cancro, e deles, 2.247 serán de mama, cuxa franxa de idade de maior incidencia se dá entre os 45 e os 65 anos. 

A prevención e a detección precoz son fundamentais para reducir o impacto deste cancro sobre as pacientes, que hoxe en día contan cunha taxa de supervivencia a cinco anos superior ao 85%. Neste sentido, o programa galego de Detección Precoz do Cancro de Mama que impulsou no ano 1992 a Consellería de Sanidade supón un instrumento clave para detectar a enfermidade nas súas etapas iniciais e mellorar o prognóstico. Durante 2021, un total de 168.560 mulleres foron exploradas no marco deste programa, o que implica unha adherencia á iniciativa do 82% en Galicia.

Proba de detección de cancro de mama
Proba de detección de cancro de mama | Fonte: GC

Con datos pechados para o ano 2020, a taxa global de detección de cancro de mama foi de 4,4 casos por cada mil mulleres exploradas, e dicir, 600 casos detectados polo programa en fase presintomática. Neste 19 de outubro celébrase, como cada ano, o Día Mundial contra o Cancro de Mama, unha xornada na que adoitan repasarse todos estes datos e poñer o foco na importancia da prevención, mais dende ADICAM piden atender tamén outras necesidades non cubertas e dificultades que aparecen canda o cancro; entre elas, a falta de apoio psicolóxico e a aumento do risco da exclusión social e laboral. 

EXCLUSIÓN LABORAL 

"Nós traballamos para que as pacientes estean atendidas e coidadas, e tamén para que se empoderen ao longo de todo o proceso que implica un cancro de mama", explica a traballadora social da asociación, María Martínez, que sinala que un cancro de mama impacta tamén no desenvolvemento económico, social e laboral das persoas que o padecen. "Na sanidade pública hai tratamentos moi avanzados e a supervivencia é cada vez máis alta, pero hai que ver que pasa despois: unha vez que reciben a alta, en que situación quedan? Nós tamén brindamos apoio legal para asesoralas cando se produce un despedimento ou non se renova o contrato tras a baixa", remarca. 

Segundo datos da Asociación Española contra o Cancro, cada ano, case 30.000 persoas son diagnosticadas de cancro nunha situación de vulnerabilidade laboral, xa que se atopan no paro, son autónomas ou os seus ingresos son inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional. Isto provoca que os custos derivados da enfermidade sexan ás veces inasumibles, e que o propio cancro incremente as desigualdades sociais, económicas e laborais futuras. "No cancro de mama hai moitas secuelas importantes: moitas mulleres non poden coller peso e vense avocadas a unha incapacidade, cuxos importes son moi baixiños. E danse moitos casos de mulleres ás que non chegan a concederlle a incapacidade pero que tampouco poden integrarse no seu traballo habitual", explica Martínez. 

Estas mulleres vense na necesidade de buscar un novo emprego a idades avanzadas e despois de pasar por unha enfermidade dura que as limita a traballos moi determinados. "Para aquelas que viven nunha familia monoparental ou teñen cargas familiares, a situación pode ser aínda moito máis complicada", sinala a traballadora social, que anima as persoas diagnosticadas a que se acheguen ás asociacións para se informar e recibir apoio en diversos ámbitos, tanto para momentos puntuais como de xeito prolongado. 

FALTA DE APOIO PSICOLÓXICO

Outra das grandes carencias ten que ver coa falta de apoio psicolóxico para as persoas que atravesan esta enfermidade. "Non hai suficiente cobertura deste servizo na sanidade pública, onde tería que traballarse co paciente dunha forma integral, tanto a nivel físico como psíquico e social", relata Martínez, que sinala tamén a importancia de "coidar o coidador", en alusión á familia ou rede de apoio da persoa enferma. En ADICAM ofrecen un servizo de psicoloxía gratuíto tanto para o paciente como para a súa contorna achegada. "Non require que teñas que vir cada semana, senón que aquí existe esa figura para cando o precises, de xeito gratuíto", explica a traballadora social. 

Olga Sotelo, dende a súa experiencia persoal, acredita a necesidade de contar cunha boa rede de afectos que "che faga levantar o ánimo cando te atopas afundida". Ela achegouse á asociación por primeira vez pouco despois do seu diagnóstico, e hoxe, como presidenta, procura "dar ás seguintes todo o cariño que recibín eu naquel momento", en que os tratamentos eran máis duros de soportar que na actualidade. "O que me rompe é ver que hai moita xente nova que vén buscando axuda, e que se atopan nas mesmas que cando me deron a min a noticia; pero estou aquí porque amor se paga con amor", relata.

No lado positivo, Sotelo sinala que cada vez a enfermidade supón un menor estigma e tabú para quen a sofre: "Ás persoas que estean atravesando a doenza, dígolles que non se veñan abaixo, que saian da casa e que busquen o apoio da súa familia. A medicina avanza e a esperanza nunca debe perderse", anima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta