“Na rede hai máis usuarios galegos activos ca na vida real”

Iago Varela Martínez é membro da iniciativa #AndroidEnGalego, unha campaña iniciada e coordinada desde Mallando no Android hai un ano que acaba de conseguir que a versión 5.0 estea na nosa lingua.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/10/2014 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O galego xa é lingua oficial en Android. A partir de agora, os desenvolvedores téñeno moito máis doado para adaptar as súas aplicacións á nosa lingua, e para os usuarios todo será moito máis transparente, xa que non teremos que andar fedellando  nos diferentes menús de cada vez que queiramos ter unha app na nosa lingua.

Boneco de Android nunha imaxe a prol do Android en galego
Boneco de Android nunha imaxe a prol do Android en galego | Fonte: mallandonoandroid.com,

É un paso pequeno no mundo tecnolóxico pero un logro histórico para o galego. A partir de agora, segundo vaia chegando a actualización do Android 5.0 aos diferentes terminais doutros fabricantes, a listaxe con soporte nativo de galego irase incrementando, polo que é cuestión de meses que todas e todos teñamos esta posibilidade nos nosos smartphones e tablets.

Este logro tense conseguido grazas á iniciativa #AndroidEnGalego, que conseguiu xuntar 4300 sinaturas que foron enviadas ás oficinas centrais de Google. GC falou con un dos seus impulsores, Iago Varela Martínez.

Un ano despois do nacemento de #AndroidEnGalego xa temos o Android 5.0 no noso idioma. Como foi este camiño?

Ao comezo foinos algo complicado, máis que nada polo que supón tratar de chamar a atención dun xigante como Google. Pero o certo é que podemos estar satisfeitos de termos conseguido o noso obxectivo tras un ano e 13 días de actividade.

Iago Martínez de Mallando no Android coas Google Glass
Iago Martínez de Mallando no Android coas Google Glass

Durante este tempo traballamos o aspecto popular, coa recollida de sinaturas e apoios de empresas e Universidades, mais tamén o formal cunha serie de xuntanzas e contactos directamente con Google. 

Pouco a pouco fomos vendo como se ía preparando o camiño para que o Android en galego fose unha realidade, conseguindo primeiro que a nosa lingua chegase a un servizo tan importante como o Gmail ou á propia aplicación de teclado para Android. 

Estades contentos da resposta dos galegos?

A verdade é que moito. Desde o primeiro momento a resposta da xente foi inmellorábel. En apenas dous días xuntamos os 2000 primeiros apoios dun total de 4300 que enviamos ás oficinas centrais de Google en Mountain View. Alén diso, foron moitas as persoas que se esforzaron en axudar a espallar a iniciativa e, tras conseguirmos o obxectivo, a facerse eco da nosa ledicia.

Opinades o mesmo das institucións públicas?. Houbo algún respaldo por parte da Xunta?

É certo que desde a Xunta enviaron unha carta a Google solicitando a tradución, mais non se volveron preocupar polo tema. Nós, pola contra, entendemos que tiña que ser unha iniciativa popular e preocupámonos de estar enriba de Google e mesmo acudir ás súas instalacións para esixir que non só se fixese esta tradución, senón que tamén fose o antes posíbel.

Tras poñer en marcha a campaña recibimos unha chamada da Xunta interesándose polo tema. Tivemos unha xuntanza con eles e percibimos un interese polo espectáculo mediático e por apuntarse un tanto que non se correspondía co que pretendiamos coa campaña, polo que preferimos manternos á marxe dese "apoio" institucional.

Hai moita xente que non sabe –ou non quere saber-- en que pode beneficiar isto ao galego. Que significa ter o android no noso idioma?

O máis importante é que ao termos a base de Android en galego poderemos gozar da nosa lingua en calquera trebello que use este sistema operativo, independentemente de quen sexa o fabricante, o que multiplica as opcións dos usuarios. Pero ademais facilita a labor aos desenvolvedores de aplicacións, xa que se teñen as súas apps en galego os usuarios non imos ter que buscar esta opción en tediosos menús, senón que nos aparecerá na nosa lingua directamente.

Termos os trebellos en galego significa avanzar un paso máis na normalización da nosa lingua, camiñar cara podermos facer vida plenamente en galego.

E logo de ter acadado un dos principais obxectivos, que vai pasar coa campaña #AndroidEnGalego?

A campaña #AndroidEnGalego chega agora a un punto e seguido. É cuestión de tempo que a actualización á nova versión de Android chegue aos diferentes terminais, polo que neste senso a campaña estaría finalizada. Porén cremos que agora toca concienciar aos desenvolvedores particulares de ter as súas aplicacións na nosa lingua, un asunto ao que de seguro seguiremos prestando moita atención.

Precisamente, estes días coñecíase que o galego perde falantes ano tras ano. E, ao mesmo tempo, a Xunta dicía que o galego está no posto vinte e poucos de uso nas redes sociais. Como se casa isto?

Certamente é algo moi curioso. A comunidade galegofalante ou galegopracticante é moi importante nas novas tecnoloxías e nas redes sociais. Cómpre lembrar que a nosa lingua é un dos primeiros idiomas aos que se traducen as distribucións de software libre ou o entusiasmo que xeran iniciativas como Twitter en galego ou a propia #AndroidEnGalego. 

Isto poderíase explicar ben por termos poucos usuarios moi activos ou ben porque na rede haxa máis usuarios "galego activos" ca na vida real. O que levo constatado nos últimos anos é que hai unha tendencia cara a segunda opción.

E Cal credes que debe ser o papel da tecnoloxía na normalización e protección do noso idioma?

A tecnoloxía xoga un papel fundamental na normalización lingüística, xa que goza de altos niveis de implantación entre a xente máis moza, que a priori é o segmento poboacional cunha actitude máis negativa cara o galego.

Calquera iniciativa normalizadora ten que ter moi presentes todos os recursos que nos ofrece tanto internet como os aparellos que manexamos no noso día a día.

Pero para facelo necesítanse boas conexións á rede. Segundo as últimas enquisas, Galicia é, despois de Extremadura, onde a xente se conecta menos a Internet. A que credes que é isto debido?

Galiza estivo durante moitos anos lonxe das grandes infraestruturas de telecomunicacións, se ben é certo que hoxe en día grazas a empresas como R podemos conectarnos a 200 megas en moitas vilas e cidades do País. Agora ben, o rural segue a anos luz, con máis de 100.000 galegas e galegos sen acceso a Internet de calidade e grandes áreas onde non se supera o mega de velocidade, algo irrisorio para as necesidades actuais.

Esta problemática, moi ligada á orografía e á dispersión poboacional que complican a extensión das redes de banda larga, fan que o noso País estea situado á cola das enquisas de conexión.

E que solucións credes que ten?

A solución pasa por aumentar a inversión pública nos plans de banda larga, mais tamén por fuxir do modelo de subvención a operadoras que logo ofrecen un servizo caro, precario e non competitivo á xente que precisamente ten máis dificultades para acceder a Internet.

Cómpre que a inversión vaia destinada ao desenvolvemento de redes públicas neutras, é dicir, que a infraestrutura sexa de titularidade pública para que o usuario poida escoller a operadora que lle dá o servizo.

Tamén nestes meses Galicia conseguiu o dominio .gal . Cal credes que será a súa incidencia?

A chegada do .gal é un éxito da sociedade galega que servirá para situarnos no mundo. Será a nosa seña de identidade e creo que a súa incidencia será moi positiva para reafirmármonos como pobo, aínda que até que non se abra a fase de libre rexistro e se moderen os seu prezos non será moi tanxíbel.

No horizonte máis achegado, que habería que facer, segundo vós, para manter e potenciar o galego nos trebellos electrónicos?

Facendo un símil coa construción podería dicir que temos as ferramentas e os materias pero fáltannos os planos. É o momento de que xurdan solucións que fagan uso do galego nos nosos trebellos, que aparezan aplicacións interesantes, que se potencie o libro electrónico na nosa lingua... en definitiva, que teñamos contido para os gadgets que manexamos.

E, xa para rematar, algunha recomendación para o uso do Android 5.0?

Android 5.0 ou Lollipop supón un salto importante para Android, cunha mellora sustancial no deseño e na experiencia de usuario. O mellor consello que podemos dar é escoller aplicacións adaptadas ao chamado Material Design para disfrutar a fondo destas novidades en deseño, ademais de elixir teléfonos e tablets que teñan garantida a súa actualización a esta versión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 eusi

No meu smartphone non podo gozar das app en galego porque a empresa española Bq non incluiu o meu idioma no menú; a miña intención era darlle preferencia a algo que fan os meus veciños frente outros. Agora teño claro que os españóis o único que queren é a nosa pasta e seguir chuchando de nós, para a próxima comprarei un telefone chinés ou tanto me tén con tal de non sexa español.

1 Xistral

Pior fun eu que merquei un primux por ser galego e por non ter non teñen siquera a posibilidade de ver a web en galego. Así o próximo será xaponés e punto final.