A Xunta, sobre o Perte do naval anunciado polo Goberno central: "Seguimos como estabamos"

Francisco Conde insiste en que o Goberno galego "non pode exercer" as súas competencias en industria ao estar "100% confiscados" os fondos Next Generation por parte do Executivo central.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/10/2022 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta e responable da área económica, Francisco Conde, insistiu en que o Goberno galego "non pode exercer" as súas competencias en materia de industria ao estar "100% confiscados" os fondos Next Generation por parte do Executivo central, ao que pediu un "cambio de rumbo" para apoiar ás empresas do naval e da automoción a través dos Perte.

O vicepresidente da Xunta, Francisco Conde
O vicepresidente da Xunta, Francisco Conde | Fonte: Xunta.

"Seguimos como estabamos", manifestou Conde en referencia á visita a Vigo do pasado venres da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, onde avanzou a ampliación das contías do Perte do vehículo eléctrico e anunciou a creación da Alianza do Perte do sector naval.

"A ministra debería pedir desculpas por non concretar os aspectos que reclama o sector naval", incidiu o número dous do Executivo galego, que, en declaracións aos medios este luns tras participar nunhas xornadas en Pantón (Lugo), lamentou que despois "de sete meses esperando a convocatoria", Maroto non comprometese " máis fondos" para este plan de apoio ao desenvolvemento do naval.

Segundo Conde, a situación no sector da automoción é "similar". "Parece que o Goberno non ten tempo de porse a traballar para buscar unha solución para Stellantis", expresou o vicepresidente, en alusión á fixación do 21 de novembro como data para celebrar unha reunión solicitada "hai dous meses".

Neste sentido, subliñou que, ao seu xuízo, a ministra "sabe" que a resolución da primeira convocatoria do Perte de automoción "non vai dar solución" aos problemas de Stellantis, que precisa dun "novo perte" que recolla as necesidades da planta, algo que no primeiro, segundo Conde, non sucedía.

Para o vicepresidente, a ministra debería ter "un cambio de actitude" para pasar de "buscar escusas" a alcanzar "concrecións" tendo en conta que a Xunta "non pode exercer as súas competencias" en materia de política industrial porque o Goberno ten "confiscados" os fondos Next Generation.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta