O prazo para reservar praza noutro centro escolar para o curso 2023/24 comeza o 15 de xaneiro

Os novos baremos inclúen agora a condición de vítima de violencia machista e de terrorismo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2022 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes o novo proceso de admisión do alumnado en centros escolares sostidos con fondos autonómicos --públicos e concertados--, que entrará en vigor para o curso 2023/2024. Afecta as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato.

Así, o procedemento arrincará cun primeiro prazo de reserva de praza do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro para aqueles estudantes que finalizan etapa nun centro e pasan a outro, mentres que os que entren novos no sistema galego e os que se cambian de colexio de maneira voluntaria, terano que facer do 1 ao 20 de marzo.

A listaxe provisional de admitidos publicarase antes do 25 de abril, e indicará expresamente que se poderá formular reclamación no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Unha vez o alumno foi admitido, a matrícula formalizarase do 20 ao 30 de xuño, en caso de Educación Infantil e Primaria; e do 23 de xuño ao 7 de xullo, para ESO e Bacharelato. Cabe destacar que, nestas dúas últimas etapas, xa non se prevé unha convocatoria extraordinaria, porque se eliminaron os exames de recuperación.

"PREFERIBLEMENTE POR VÍA TELEMÁTICA"

Outra das principais novidades da normativa --que actualiza a anterior do ano 2013 para adaptala ao novo marco da Lomloe, aprobada a finais de 2020-- será que o procedemento "se presentarán preferiblemente por vía telemática", a través da aplicación 'admisionalumnado' da sede electrónica da Xunta.

Iso si, "opcionalmente" manterase a presentación de solicitudes presenciais no centro docente ou en calquera rexistro da Administración autonómica, segundo matiza a continuación a orde da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

De feito, o novo proceso simplifica as diferentes fases da matriculación ao reducirse a tres: reserva, admisión común e escolarización extraordinaria (é dicir, matriculación co curso xa empezado).

A orde tamén recolle, para ter en conta a cifra de alumnos que pode matricularse en cada centro, o número máximo de estudantes por aula, que se manteñen en 25 para Infantil e Primaria, 30 para a ESO e 33 para Bacharelato.

NOVA ORDE DE CRITERIOS DE ADMISIÓN

Con todo, os criterios de admisión previstos para os casos en que as solicitudes de admisión superen as prazas dispoñibles tamén sofren pequenas modificacións. De feito, nesta relación de baremos, inclúense conceptos como a condición de vítimas de violencia de xénero e de terrorismo.

Ademais, agora o feito de que os pais traballen no colexio terá menos valoración que a proximidade do domicilio e do centro de traballo dos proxenitores, e que a renda per cápita da familia.

Así, por orde de prelación, os criterios de admisión son: ter un irmán matriculado no centro que se solicita; a proximidade da vivenda e do posto de traballo dos pais ou titores; a renda per cápita; que un dos pais ou titor traballe no colexio; ser familia numerosa; parto múltiple; ser familia monoparental; a discapacidade dun membro da familia; a condición de vítima de violencia de xénero; a condición de vítima de terrorismo; un criterio complementario fixado polo propio centro; e o expediente académico, no caso de que se solicite praza en Bacharelato.

Outra das novidades está referida ao modo de desempatar entre alumnos coa mesma puntuación nos criterios. Agora, o tradicional sorteo de letra substituirase por outro en función dun número aleatorio asignado pola aplicación 'admisionalumnado' no momento en que se rexistre a solicitude.

A Xunta lembra que o sorteo se aplica "de maneira residual", xa que é "a última opción" despois de esgotar todos os criterios anteriores. De feito, o curso anterior, esta circunstancia tan só afectou ao 0,7 por cento das case 30.000 solicitudes recibidas.

Nena no seu pupitre nunha aula dun colexio de Galicia / Xunta de Galicia. / Europa Press
Nena no seu pupitre nunha aula dun colexio de Galicia / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta