Luz verde ao novo convenio da hostalería na Coruña, que inclúe unha suba salarial do 11,75% ata 2024

As empresas estarán obrigadas a ter, polo menos, un 65% dos traballadores con contrato indefinido.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2022 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

Patronal e sindicatos deron luz verde ao novo convenio para o sector da hostalería na provincia da Coruña, que inclúe unha táboa salarial que contempla subas salariais do 11,75% ata o ano 2024. Diso informou este luns a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que sinala que o novo marco laboral estará vixente ata 2024 e contempla o abono de atrasos de forma retroactiva desde o 1 de xaneiro, que deberán abonarse antes de marzo de 2023.

Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela
Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press

Así as cousas, a táboa salarial do convenio establece unha suba salarial do 4% para este ano, do 3,75% para 2023 e do 4% para 2024. Ao termo dese ano, se o IPC acumulado durante a vixencia do convenio pasa o 11,75%, producirase un axuste nas táboas de 2025 "co 50% da diferenza".

Máis aló de cuestións retributivas, os fixos descontinuos terán un período mínimo de cinco meses de chamado, para o que deberán ser avisados con dez días de antelación .

Contémplase a posibilidade de que estes traballadores consoliden o 50% en caso de superar os cinco meses en dous anos, condicións que tamén se estenden aos contratos a tempo parcial por un mínimo de catro horas diarias e 20 semanais.

Así mesmo, as empresas estarán obrigadas a ter, polo menos, un 65% dos traballadores con contrato indefinido. Tamén se recoñece o dereito á desconexión, con prohibición de enviar mensaxes ou correos profesionais fóra de horario laboral agás en casos de urxencia.

Ademais, o convenio fixa un complemento de 20 euros mensuais para cada persoa traballadora en empresas que non acrediten impartir formación nas condicións establecidas.

CAMAREIRAS DE PISO E REPARTIDORES

Pola súa banda, as categorías de camareira ou camareiro de piso estarán rexidos a partir do 1 de abril de 2023 polo artigo 43.6 do Estatuto dos Traballadores de aplicación para as empresas contratistas e subcontratistas.

Así mesmo, nas empresas onde as persoas traballadoras fagan repartición a domicilio en vehículo, aplicaráselles o convenio de hostalería da provincia da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta