De non conxelarse, a suba da peaxe na AP-9 de cara ao próximo ano superará o 9 %

A Xunta constata que se o Ministerio ratifica a alza sería "a segunda máxima" da historia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2022 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, alertou de que "todo indica" que Galicia pode ter que enfrontarse "no peor momento" a unha "subida histórica" das peaxes da AP-9 que superaría o 9 % e, tras advertir que se trata "dunha decisión política" do Goberno central, reiterou a petición do Executivo autonómico de que se "conxelen". "Aínda se está a tempo de rectificar", manifestou.

Como cada exercicio, o ano 2023 traerá unha nova subida das peaxes para a Autoestrada do Atlántico (AP-9), a principal arteria de pago que conecta a comunidade polo eixo atlántico e que xa se sitúa como unha das máis caras de Europa. O incremento, segundo un cálculo avanzado por 'La Voz de Galicia', podería superar o 9 %.

A fórmula de actualización complétase cun IPC á alza, entre outros axustes técnicos, habería que sumarlle un 1 % pola compensación ligada á ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago.

O habitual é que as tarifas se actualicen formalmente a finais de ano, xa que as novas entran en vigor a 1 de xaneiro. Se o Ministerio confirma unha alza que Rueda situou "en torno ao 10 %", os usuarios da infraestrutura soportarían a segunda suba de tarifas máis elevada tras a do ano 2012.

Un incremento superior ao 9 % traduciríase en 1,65 euros máis, co que viaxar desde A Coruña a Vigo pasaría a custar 19,15 euros. Realizar o percorrido completo entre Ferrol e Tui podería superar os 25 euros.

"DECISIÓN POLÍTICA"

Nesta coxuntura, a preguntas dos medios, nun acto en Santiago, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou que o Goberno central non escoitase a súa petición de "conxelar as peaxes", na liña dos autonómicos, na que insistiu. "Todo indica que no peor momento terá unha subida histórica, que pode estar en torno ao 10 %", lamentou.

"Isto ao final é unha decisión política do Goberno central, que decide que, cando máis tiña que baixalas (as tarifas), aplicar a subida máis alta. A proba de que é unha decisión política, é dicir, que os políticos poden tomala nun sentido ou noutro, é que a Xunta conxelou as taxas e asumiu con cargo aos orzamentos a subida para non repercutila nos usuarios das autoestradas que dependen dela", esgrimiu o presidente galego.

"Cando falamos de axudar á xente cando máis falta fai, este é o exemplo onde se pode facer iso ou todo o contrario", continuou, e avisou: "aínda se está a tempo de rectificar".

Así, mostrouse convencido de que, "se se quere" proceder a conxelar as peaxes das autoestradas estatais en Galicia (a AP-9 e a AP-53) "pódese facer". De feito, esgrimiu que así se fixo "noutras comunidades de España". "Pero parece que ultimamente a Galicia sempre lle tocan as peores decisións. Laméntoo moito e espero que se rectifique", apostilou.

Acerca de se a Xunta se dirixirá ao Goberno neste sentido, replicou que o seu Executivo xa o fixo e volverá insistir as veces "que faga falta". "Coñecen perfectamente o que poden facer e, se van adoptar esta decisión, é porque non tiveron en conta xa non a petición da Xunta, senón de moitísimos cidadáns que terán que pagar case un 10 % máis e é moitísimo diñeiro", resolveu.

TAMÉN NA AP-53

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, incidiu en que a AP-9 enfrontarase á súa "segunda subida máxima" na historia se o Goberno de España "non actúa e toma medidas", polo que pediu "medidas" para paliar "un ingremento realmente importante".

"A Xunta actuou nas súas peaxes, Galicia conxelou nas que son das súas competencias. Aumentamos un 86 % o investimento para 2023 para manter as bonificacións nas nosas autoestradas e conxelalas. Tamén o fixemos en 2022", esgrimiu.

Así as cousas, pediu ao Goberno central que conxele as peaxes e que o faga non só na AP-9, senón na AP-53 Santiago-Lalín, "que non ten ningunha bonificación en Galicia".

Fontes do Ministerio de Transportes consultadas por Europa Press replicaron que o departamento estatal calcula a final de ano as peaxes do exercicio seguinte e "non será ata entón" cando se coñezan as tarifas a aplicar en cada concesión.

AP-9, Autoestrada do Atlántico.
AP-9, Autoestrada do Atlántico. | Fonte: Miguel Riopa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta