Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2022 | Actualizada ás 17:31
A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou a campaña 'Polo seu nome' que ten como obxectivo mobilizar á poboación pola restauración da toponimia en navegadores e aplicacións de mapas dixitais.
"A mobilización social é a principal ferramenta para conseguir avances para o galego, desde a oficialidade á toponimia ou o seu uso en todos os ámbitos da vida", afirmou o presidente da entidade, Marcos Maceira.
Desta forma, segundo indicou a organización nun comunicado, a campaña reclama ás compañías de mapas dixitais e navegación a restitución da toponimia nas súas aplicacións.
Para iso deberán sinalizar os lugares unicamente "coas formas galegas, lexítimas e oficiais", así como o uso como base de datos fiable e válida da incluída no nomenclátor oficial en Galicia.
A campaña, que xa está na web e en redes sociais e que chegará tamén aos concellos, ao Parlamento galego e ao Congreso, acompañarase de accións de todo tipo "incluídas as xudiciais", para "salvagardar dereitos que tanto constou conquistar e que hoxe están a ser postos en cuestión".
O obxectivo é que a sociedade e o conxunto de poderes públicos "actúen decididamente" ante estas empresas para que se corrixan e restitúan todas as denominacións deturpadas".
"PEGADA LINGÜÍSTICA DUN POBO"
"A toponimia é unha pegada lingüística dun pobo sobre o territorio no que historicamente se desenvolveu, é unha evidencia da súa existencia e fonte de coñecemento desta lingua e cultura", explicou o presidente da organización e remarcou o caso de Google Maps ou Apple Maps.
Así mesmo, incidiu en que a deterioración dos nomes dos lugares reprodúcense tamén en redes sociais ou en páxinas web e que "chega a extremos" en que os envíos de mensaxería "non se reciben" no seu destino polo nome oficial ao non coincidir coa forma "deturpada", que "só existe" nos mapas das aplicacións.
A Mesa puntualizou sobre o caso da Ría de Ribadeo que foi proposta polo goberno de Asturias á que tanto a organización como a Plataforma de Mariños de Ribadeo presentaron alegacións de forma conxunta e está disposta a "defender onde sexa necesario" o nome galego como único oficial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.