O novo acordo para o desenvolvemento da carreira administrativa inclúe tamén a persoal interino e eventual

O sistema substitúe ao tombado pola xustiza tras o recurso da CIG

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2022 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asinou este martes o acordo con CCOO, UGT e CSIF para o desenvolvemento da carreira administrativa dos empregados públicos da Administración xeral, que vén substituír ao tombado pola xustiza despois do recurso presentado pola CIG.

O sistema recibiu o visto e prace do Consello da Xunta na súa reunión do pasado 3 de novembro unha vez incluído no marco ao persoal interino e eventual, motivo polo que a central nacionalista recorrera ante o TSXG o acordo, que procedía do Acordo de concertación social subscrito entre a Xunta e este tres sindicatos no ano 2019.

Segundo detalla a Xunta nun comunicado, o pacto asinado este martes comprende o deseño dun sistema "voluntario e consolidable de carácter común e extraordinario que recoñece o desempeño do empregado público e a súa formación continua".

A Xunta incide en que a súa vontade con este novo acordo é que a sentenza do Alto Tribunal galego "non prexudique aos empregados públicos".

Así as cousas, a carreira administrativa estenderase a todos os servizos públicos autonómicos en resposta, segundo o Goberno galego, a unha "reivindicación histórica das organizacións sindicais".

O sistema establece medidas de motivación e formación dos empregados públicos, especialmente nun contexto de "grandes cambios tecnolóxicos e organizativos".

Deste xeito, os beneficiarios percibirán de maneira progresiva unha contía anual por cada grao conseguido que vai dos 801 aos 2.589 euros, en función da súa categoría profesional.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, firma con representantes de CCOO e UGT o acordo de carreira administrativa para o persoal laboral
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, firma con representantes de CCOO e UGT o acordo de carreira administrativa para o persoal laboral | Fonte: Xoán Crespo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta