Esther Merlo, propietaria dunha empresa forestal: "As mulleres sempre estivemos no monte, pero invisibilizadas"

Asegura que é hora de que dentro das compañías do sector haxa mulleres á fronte que demostren que non hai traballos masculinos e traballos femininos, senón que en todos a muller ten cualidades para aportar

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ver a unha muller no medio dunha tala de árbores ben é certo que non é o máis habitual, pero si comeza a acontecer, e cada vez máis. Cara esa igualdade real entre homes e mulleres, tamén nas profesións, é cara onde debe camiñar a sociedade e, para logralo, dende que as rapazas son ben pequenas teñen que ter referentes nos que mirarse, aos que seguir e aos que admirar.

Esther Merlo, propietaria de Madera Plus Calidad Forestal, en su lugar de trabajo
Esther Merlo, propietaria de Madera Plus Calidad Forestal, en su lugar de trabajo | Fonte: Cedida

E dentro do sector forestal, xunto a ese aínda pequeno grupo de mulleres que se adica a poñer en valor a madeira que emana do monte galego, atópase Esther Merlo, fundadora e directora da empresa Madera Plus Calidad Forestal, unha das poucas do sector da investigación forestal que ten á fronte a unha figura feminina en Galicia. 

"Ben é certo que seguimos sendo unha minoría, pero alo menos podo dicir que estou notando un cambio xeracional dentro do sector da madeira e dos aserradeiros, porque xa hai mulleres que toman as rendas, na súa maioría fillas de propietarios", explica Esther. Isto é o máis habitual: mulleres que herdan unha compañía madeireira e se poñen á fronte. Creala de cero, como fixo Esther, xa é outro cantar. 

Así mesmo, dentro dos traballos de campo, como pode ser a tala de árbores directamente sobre o terreo, esta empresaria tamén concede que "cada vez vense a máis mulleres que levan unha procesadora ao monte para cortar a madeira e que demostran que tamén son capaces, que non se lle caen os aneis por iso".

Sen embargo, insiste en que a paridade está moi lonxe de alcanzarse, tamén dentro das empresas, e non porque os donos non queiran, ás veces é porque non hai persoal para contratar. Exemplifica o que a ela mesma lle aconteceu: "A nosa empresa é moi pequeniña, somos só tres personas e, efectivamente, eu son a única muller; houbo un momento, durante o último proceso de selección, no que tiña ilusión por contratar a unha muller, pero non se presentou ninguna...".

AS MULLERES GOZAN DUNHA VISIÓN DIFERENTE E PODEN APORTAR MOITO

Así as cousas, anima a todas aquelas que se vexan atraídas por este mundo forestal a sumarse ás pouquiñas que son agora. "Creo que as mulleres temos unha visión diferente e moi interesante que aplicar ao sector nesta nova era na que tanta importancia ten a xestión sostible e onde non só importa a rendibilidade económica, senón tamén os factores medioambientais, de desenvolvemento rural e de coidado dos montes", apunta.

"Eu creo que as mulleres temos unha capacidade e unha sensibilidade especial con estas cousas, aínda sen querer caer no tópico distintivo de homes e mulleres, porque non é unha cuestión de xénero moitas veces, pero sí que é o momento de poñer en valor as nosas capacidades e empoderarnos un pouquiño", expresa Esther.

Neste senso, hai que remarcar a palabra 'empoderar', porque as mulleres dentro do sector forestal non son algo novo, o que é novo é que se lles dea visibilidade. Mesmo no ámbito rural, onde os homes tradicionalmente 'ían á leña', "as mulleres sempre estaban ahí, na sombra".

"Fai uns anos comecei a traballar co sector dos rematantes, que son eses que compran a madeira en pé e logo véndena aos aserradeiros, e sorprendeume ver que no monte estaban os homes pero que quenes levaban as contas na casa eran as mulleres", recorda a propietaria de Madeira Plus.

UN TRATO DIFERENTE NON, PERO SI CERTA CONDESCENDENCIA

Máis alá diso, durante a súa experiencia profesional, á hora de ter que ir ás negociacións con aserradeiros e a reunións con homes do sector, asegura que "a verdade é que nunca sentín ese trato diferente para mal polo feito de ser muller, aínda que sí é verdade que notei certa condescendencia para comigo, mesmo de xeito inconsciente, sobre todo por homes de máis avanzada idade, que tiñan medo de que por ir polo monte me torcese un xeonllo".

Logo tamén pode dicir que escoitou a compañeiras falar de que "se sentiron un pouco incómodas en compañías dalgúns homes que facían certos comentarios, pero considero que esas cousas tamén pouco a pouco van desaparecendo". Sobre todo porque agora hai axudas orientadas cara o emprendemento feminino en sectores tradicionalmente masculinizados. 

NA CARREIRA DE ENXEÑARÍA SÓ ERAN TRES MULLERES E O RESTO ERAN HOMES

De feito, para Esther resulta de admirar a labor que está a desenvolver a rede Elas xeran sector, creada coa idea de poñer en valor e promover os traballos que realiza a muller dentro do ámbito forestal e madeireiro, para facelas visibles e para que sirvan como referentes ás nenas que veñen por detrás.

Esta empresaria recorda a súa etapa universitaria con moito cariño, pero tamén confesa que na clase da carreira de Enxeñaría tan só eran tres mulleres e todos os demais eran homes. "As mulleres temos que perder ese medo ao 'que dirán de nós', porque é algo que está moito na nosa cabeza, e que non existe como tal, a min os meus compañeiros nunca me xulgaron e a miña familia sempre estivo orgullosa", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta