Tres de cada cinco ingresos nas residencias galegas son de pacientes psiquiátricos

Aseguran que moitos deles, menores de 65 anos, supoñen un perigo para os propios anciáns que residen nestes centros

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 25/11/2022 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

As residencias de maiores dependentes da Consellería de Política Social están a ser utilizadas como centros de internamento para pacientes psiquiátricos, moitos deles menores de 65 anos (mesmo de 45 a 65 anos). Así o afirman os inspectores de Servizos Sociais nun comunicado remitido este venres aos medios, no que din que de cada cinco novos ingresos, tres son de pacientes psiquiátricos.

Varios anciáns nunha sala dunha residencia de maiores
Varios anciáns nunha sala dunha residencia de maiores | Fonte: M. Dylan

Este tipo de doentes, polas súas características, precisan dunha atención e coidados especiais que non se están a dar nas residencias de maiores, provocando problemas de convivencia moi graves e estresantes para os residentes maiores sen enfermidades mentais.

E é que as residencias de maiores non están adaptadas nin dotadas de profesionais para convertirse en centros de reclusión de pacientes psiquiátricos, mesturados con persoas maiores que se alteran e sufren situacións de estrés ou mesmo de risco para a súa saúde ou dignidade (xa son varios os casos nos que persoas a tratamento psiquiátrico teñen tido episodios agresivos contra os residentes maiores).

Os inspectores de Servizos Sociais afirman que a conselleira de Política Social, Fabiola García, dalle o visto e prace a esta situación, que convirte nunha "bomba de reloxería" ás residencias da terceira idade, con pacientes esquizofrénicos e doutras enfermidades mentais, que conviven con maiores, compartindo os comedores, as salas de estar, as actividades de animación...

Denuncian tamén que as descompensacións sintomatolóxicas ou conductas dos pacientes psiquiátricos son continuas e diarias, alterando as actividades e a normal convivencia dos centros. Moitos destes ingresos psiquiátricos proceden de institucións hospitalarias pechadas e cunhas normas de protección, vixilancia e disciplinas que non se dan nunha residencia de maiores.

Así mesmo, estes inspectores critican que o persoal das residencias de maiores non está capacitado para atender a este tipo de pacientes, sendo en moitos casos tamén vítimas de agresións, insultos e alteracións graves da convivencia.

Por todo isto, demandan á Consellería de Política Social arbitrar as medidas necesarias xunto á Consellería de Sanidade para que estes pacientes psiquiátricos teñan centros onde poder ser tratados e atendidos segundo as súas necesidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta