Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/11/2022 | Actualizada ás 14:55
A Mesa pola Normalización Lingüística alerta de que a reforma do código penal proposta polo Goberno para retirar o delito de sedición podería carrexar penas de inhabilitación ou prisión por participar en protestas pacíficas, nun comunicado no que anima á poboación galega a mobilizarse por "o dereito á protesta democrática".
O presidente da organización en defensa da lingua galega, Marcos Maceira, cualifica esta modificación do código penal como "un ataque á protesta social lexítima e pacífica, que será obxecto de persecución" e lamenta que poidan carrexar penas de prisión "aínda en ausencia de calquera tipo de violencia".
A reforma da Administración estatal, que pretende cumprir co mandato da Unión Europea de acabar co delito de sedición, atenta, segundo Maceira, contra accións que, "desde hai décadas", empregan todos os colectivos de Galicia independentemente da súa ideoloxía ou reivindicación.
A Mesa ve inaceptable que a participación en cortes de tráfico, a entrada en edificios públicos ou as manifestacións notificadas fóra de prazo, aínda que se desenvolvan pacíficamente, poidan levar penas de prisión (de seis meses a tres anos) e inhabilitación para os implicados.
Maceira fai un chamamento ao resto de colectivos para mobilizarse en contra da reforma proposta por un Goberno que, "non contento con incumprir a promesa da derrogación da 'Lei Mordaza', agora pretende criminalizar calquera tipo de protesta pacífica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.