Protesta dos sindicatos de Xustiza para esixir mellores condicións laborais

Representantes de CIG, CCOO, UGT e STAJ secundaron unha concentración ante os xulgados da Coruña.

Por E.P. | A Coruña | 02/12/2022 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

Ao redor de medio centenar de representantes sindicais do sector da Administración de Xustiza dos sindicatos CIG, CCOO, UGT e STAJ concentráronse, ante os xulgados da Coruña, en demanda dunha negociación da Lei de Eficiencia Organizativa para, entre outras cuestións, garantir as súas condicións laborais. De non atenderse as súas demandas, non descartan a convocatoria dunha folga.

Xunto ás condicións laborais, sitúan como reivindicacións os centros de destino e as funcións do persoal funcionario xa que consideran que o anteproxecto de Lei de Eficiencia Organizativa "non garante" estas cuestións nin as retribucións e outros dereitos laborais.

Óscar Freixedo, secretario nacional da Administración de Xustiza da CIG, explicou que coinciden na necesidade da modernización da mesma e que non se opoñen ao modelo exposto, pero si a que se "non se chega a un acordo antes da entrada en vigor da norma" esta se aplique con todo o seu contido, sinalou sobre a súa demanda de negociación.

No caso de Galicia, asegurou que a Xunta "non fixo nada" en relación á implantación da Oficina Xudicial e que iso afecta o persoal de cara á nova lei. Ademais, apuntou que servizos como a contratación temporal "poden desaparecer" ao tratarse, engadiu, dun modelo polo que se exporán os xulgados como "unha macrooficina con distintos departamentos" de forma que un traballador pode ser asignado a un xulgado ou a outro no mesmo día en función das necesidades.

E é que, segundo puxeron de manifesto os representantes sindicais, o anteproxecto permite a mobilidade funcional e xeográfica do persoal e a asignación das funcións correspondentes a outros centros de traballo distintos a aquel no que estean adscritos. Neste sentido, denunciaron que a "mobilidade discrecional" pode ser utilizada para o "control político" da Administración de Xustiza "á conta de recortes nos dereitos dos funcionarios".

Concentración de sindicatos de Xustiza. CIG
Concentración de sindicatos de Xustiza. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta