Estas son as seis candidatas a ser 'A Palabra do Ano 2022'

Dende hoxe e ata as 23:59 horas do vindeiro 25 de decembro o público poderá votar pola súa opción favorita

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2022 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Autoestimacandorcacomadreecocidioinflación e resiliencia son as voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2022. A fase de recolla de suxestións da iniciativa promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié concluíu coa escolla destes seis vocábulos, que dun xeito ou doutro conectan con temas de actualidade e preocupación social dos últimos doce meses. Dende hoxe e ata as 23:59 horas do vindeiro 25 de decembro o público poderá votar pola súa opción favorita a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan as dúas institucións para a difusión do léxico galego.

Candidatas a ser a Palabra do Ano 2022 - cedida
Candidatas a ser a Palabra do Ano 2022 - cedida

Entre outros temas de interese público, neste 2022 a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que  medrase a conversa política e social sobre a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece. E arredor dela os medios de comunicación pasaron a falar decotío de conceptos como o da autoestima, a calidade da persoa que se valora a si mesma positivamente e que, consecuentemente, lle xera confianza no que di ou fai. 

A resiliencia, a “capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa”, é outra voz que pode asociarse á crecente consciencia sobre a importancia do coidado da saúde mental. Foi xa finalista en 2021.

A preocupación polo futuro ambiental do planeta é outra realidade que se manifestou nunha morea de suxestións: dende o sintagma emerxencia climática ao neoloxismo ecocidio, voz esta última que fai referencia ao exterminio deliberado dun ecosistema. Xa fora finalista no 2019 e recunca a proposta dos seguidores e seguidoras do Portal das Palabras nun ano en que, por desgraza, seguiu a acumular moreas de exemplos aos que aplicala.

“COMADRE”: UNHA VOZ POPULAR PARA FALAR DE SORORIDADE

A perspectiva de xénero tamén repite presenza nesta final. En 2017 chegou a esta fase violencia de xénero, en 2018 fixérono feminismo e sororidade e en 2019 feminicidio. Nesta ocasión sobresaíu entre as propostas con ollada feminista comadre para se referir á veciña e á amiga e evocar as relacións de apoio entre as mulleres. Hoxe, de feito, esta voz popular reivindícase como un xeito de designar aquelas que tecen redes de sororidade en pleno s. XXI.

O escenario económico mundial e o seu impacto dende as economías domésticas ás grandes empresas deixa marca nesta final a través do vocábulo inflación, a “situación ou fenómeno que consiste nunha suba xeneralizada e continua dos prezos provocada xeralmente polo aumento excesivo de capital e da moeda en circulación”.

Unha serie de acontecementos ben distintos, os cada vez máis frecuentes avistamentos de cetáceos a moi pouca distancia da beiramar, e mais os inesperados encontros dalgúns deles con embarcacións de recreo, parecen explicar outra proposta curiosa dos seguidores do Portal das Palabras: candorca.

NOVE EDICIÓNS ONDE SE ELXIRON PALABRAS COMO “SENDITIÑO” OU "TANXUGUEIRAS”

A Palabra do Ano elixida polas persoas participantes na votación popular darase a coñecer nos últimos días do 2022 a través do Portal das Palabras. Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021) nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta