Sete túneles da AP-9 serán modernizados nas provincias da Coruña e Pontevedra con novos sinais, saídas de emerxencia e elementos de control

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) adxudicou este martes por un orzamento de 27,5 millóns de euros o contrato de obras.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/12/2022 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) adxudicou este martes por un orzamento de 27,5 millóns de euros o contrato de obras para a modernización de sete túneles da autovía AP-9 situados nas provincias da Coruña e Pontevedra.

En concreto, no tramo que comprende á cidade herculina con Ferrol modernizaranse os túneles de Sartego, Pedra do Couto, Montecelo e Campolongo, mentres que na provincia de Pontevedra, na área metropolitana de Vigo, actuarase sobre os túneles de Candeán, A Madroa e Teis.

Segundo informou o Mitma nun comunicado, aínda que na actualidade os túneles contan cunhas condicións de explotación favorables, é necesario levar a cabo esta actuación para "adecuar as súas instalacións" en liña co establecido no Real Decreto sobre requisitos mínimos de seguridade para túneles da rede transeuropea de estradas.

A intervención está incluída no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), que contempla investir ata 357 millóns de euros dos fondos NextGeneration da Unión Europea (UE) para modernizar máis de 80 túneles e potenciar a protección da fauna e usuarios vulnerables na Rede de Estradas do Estado mediante actuacións distribuídas por toda a xeografía nacional.

ACTUACIÓNS DE MELLORA

Entre as actuacións, a través do contrato de obras adxudicado, promóvense melloras nas saídas de emerxencia, a sinalización, o balizamento, a iluminación, a ventilación, a instalación eléctrica, a protección antincendios, sistemas de vixilancia por circuíto pechado de televisión, a drenaxe de líquidos tóxicos e a xestión do tráfico.

Ademais, inclúese a implementación dos servidores e estacións de traballo necesarias para permitir o control a tempo real de todas as instalacións dos túneles, tanto das existentes que se manterán, como as de nova instalación, a través dun sistema de control centralizado.

Con iso, tal e como asegurou o Mitma, búscase optimizar o funcionamento das instalacións, detectar os elementos susceptibles de mellora e pór en marcha plans de actuación en caso de incidentes.

Gráfico de actuacións
Gráfico de actuacións | Fonte: Mitma

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta