A violencia de xénero no rural contará cun estudo propio e analizaranse medidas para atallala

O Parlamento galego aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para elaborar un estudo sobre a violencia de xénero no rural galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2022 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para elaborar un estudo sobre a violencia de xénero no rural galego, a súa visibilización, prevención e o deseño dunha estratexia con medidas concretas.

Este asunto tratouse este venres na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, onde o BNG aceptou as dúas emendas propostas por PSOE e PP.

Na defensa da moción, a deputada do BNG Carmen Aira sinalou que os estudos estatais, como os levados a cabo no Pacto de Estado para a violencia de xénero, "presentan unha falta de representatividade do rural galego".

Pola súa banda, a deputada socialista Noa Díaz subliñou que "a ruralidade é un factor de vulnerabilidade para as mulleres". Ademais, sinalou que as mulleres rurais non se sinten identificadas nas campañas contra a violencia de xénero da Xunta "onde son todas novas, brancas e urbanas".

En contraposición, a deputada popular Elena Candia afeou que algúns puntos da proposición non de lei "desacreditan á Xunta en materia de violencia de xénero".

Nesta liña, remarcou que os populares "discrepan con esta imaxe de rural do BNG", que o definiu como "androcentrista". Así, sinalou que "parece que no Bloque din que é máis posible ser vítima de violencia de xénero no rural".

Durante a súa quenda de réplica, Airas espetou a Candia que "se nota que ten vostede poder no seu ámbito de actuación" e díxolle que "igual non se acorda cando empezou, que por ser muller déronlle máis dunha tunda, non física". Posteriormente, a deputada do BNG retirou estas palabras a petición dos populares, que sinalaron que "é unha manifestación grave e aínda que sexa a modo metafórico, a min non me fixo graza".

CONTRATACIÓN DE SEGUROS AGRARIOS

Tamén por unanimidade aprobouse unha proposición non de lei do PP na que se solicita ao Goberno galego que incentive a contratación de seguros agrarios, especificamente nas explotacións vitivinícolas que están asociadas ás denominacións de orixe.

Así mesmo, pídese o fomento da promoción do sector vitivinícola, concretamente dos viños galegos con denominación de orixe, en países da Unión Europea e fóra da mesma.

PRODUCIÓN DO CASTIÑEIRO

Doutra banda, aprobouse por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar e pór en marcha medidas a favor da planificación, seguemento e control da produción dos castiñeiros.

Entre outros asuntos, pídese levar a cabo unha promoción de aproveitamento conxunto dos terreos forestais mediante a xestión sustentable. Así, solicítase o fomento e adaptación as estratexias dos grupos de desenvolvemento rural para a execución dos proxectos ligados a esta especie.

A deputada do BNG Carmen Aira este venres durante a Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes
A deputada do BNG Carmen Aira este venres durante a Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta