Pagarías máis por produtos con envases sostibles e intelixentes?

Os consumidores parecen estar cada vez máis dispostos a pagar máis e a evitar os produtos do mar con exceso de envases, segundo un estudo. A pandemia de covid-19 disparou o interese nos chamados envases intelixentes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2022 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Estamos dispostos, como consumidores, a deixar de mercar produtos do mar en envases de plásticos e a pagar un chisco máis por outros con envases máis sostibles? Esta é unha das preguntas que fixo un equipo de investigadores a consumidores de Portugal, Irlanda e España para coñecer a opinión destes. E a resposta é que, maiormente, si. A maioría dos enquisados mostráronse dispostos a pagar máis polos produtos do mar que usan envases máis sostibles (62 % en España, 68 % en Irlanda, 70 % en Portugal) e a metade insinuou que evita os produtos do mar debido ao exceso de envases.

Peixe envasado con produtos plásticos
Peixe envasado con produtos plásticos | Fonte: Simmremmai - Wikimedia.

A investigación, na que participou ANFACO-CECOPESCA, buscou coñecer entre a poboación irlandesa, portuguesa e do Estado español a frecuencia de consumo de produtos do mar, a taxa de separación de residuos para ser enviados a reciclaxe para diferentes tipos de envases de produtos do mar e materiais asociados, se existe unha relación entre a frecuencia de consumo de produtos do mar e a taxa de separación dos envases de produtos do mar para a súa reciclaxe, os coñecementos dos consumidores sobre as prácticas de reciclaxe dos distintos tipos de envases ou materiais de produtos do mar, e a vontade de comprar produtos do mar con envases deseñados para reducir o impacto ambiental.

As persoas con maior consumo de produtos do mar tamén manifestan unha maior intención de enviar residuos non orgánicos para a súa reciclaxe

Estes países foron seleccionados por tratarse de países atlánticos europeos, e o proxecto NEPTUNUS, o marco no que se desenvolveu esta investigación, tiña datos dispoñibles. Os datos recolléronse mediante unha enquisa a un total 640 persoas: 228 en Portugal, 234 en España e 154 en Irlanda.

Algunhas cousas que descubriron nas respostas foron que “os consumidores non son plenamente conscientes de que tipo de plásticos se poden reciclar” e que “están dispostos a pagar máis por produtos con envases máis sostibles”.

SABEMOS RECICLAR?

Os resultados revelaron que nos entrevistados en España e Portugal a frecuencia coa que envían residuos para reciclar é lixeiramente maior en comparación con Irlanda. Ademais, os enquisados irlandeses parecen ter máis dificultades para recoñecer o tipo de materiais plásticos que se poden enviar a reciclaxe, mentres que os enquisados en España e Portugal non eran plenamente conscientes de que os envases non necesitaban ser lavados antes da súa reciclaxe.

No caso de España e Portugal, o maior número de enquisados respondeu que "sempre" envía os seus residuos non orgánicos (é dicir, vidro, papel, residuos plásticos) a colectores específicos para recoller os residuos para a súa reciclaxe; son arredor de catro de cada dez persoas. No caso de Irlanda, o maior número respondeu que separa "a miúdo" os residuos non orgánicos (o 75 % das veces) para envialos á reciclaxe, o que corresponde ao 29,5 % dos enquisados.

Un dato relevante do estudo é que as persoas que declararon un consumo máis elevado de produtos do mar tamén manifestaron unha maior intención de enviar residuos non orgánicos para a súa reciclaxe.

Arredor de nove de cada dez persoas enquisadas afirman estar dispostas a comprar máis produtos con envases sostibles e case a metade evita os que se comercializan con exceso de envases 

Sobre o coñecemento das prácticas de reciclaxe cando os consumidores se enfrontan a diferentes tipos de envases ou materiais, a resposta que aportou o maior acordo dos tres países participantes relacionou a afirmación de que "as latas metálicas procedentes de envases de conservas de produtos do mar deben colocarse no colector amarelo de residuos ou no colector de reciclaxe".

Por tipos de envases de produtos do mar, no caso de España e Portugal o maior número de entrevistados respondeu que "sempre" enviaban latas metálicas e envases de plástico que inclúen poliestireno expandido, envases de papel e vidro para reciclar. No caso de Irlanda ocorre o mesmo, agás cos envases de plástico, xa que a maioría respondeu que o plástico o recicla "a miúdo" e o poliestireno expandido "case nunca".

AFECTA O TIPO DE ENVASE AO CONSUMO?

No que se refire á disposición a consumir produtos do mar que utilicen envases máis sostibles ou evitar produtos con exceso de envases, as alternativas máis populares para mellorar a sostibilidade dos envases de produtos do mar foron o uso de envases reutilizables, material de envasado compostable, vidro para conservas no canto de latas, ademais de envases intelixentes. Entre o 81,6 % e o 96,5 % dos entrevistados responderon que son receptivos a estas prácticas.

É salientable tamén que arredor da metade dos enquisados manifestaron que evitan produtos do mar debido ao exceso de envases (por exemplo, un paquete que ten unha capa secundaria de cartón), sendo os portugueses os que presentan a taxa máis alta (56,6 %) e os irlandeses a máis baixa cun 44,8 %.

As mulleres parecen ter unha maior disposición a reutilizar envases (88,5 %) que os homes (81,3 %).

Considerouse que os produtos secos e salgados (por exemplo, bacallau salgado e seco) tiñan os envases menos excesivos para un produto pesqueiro procesado. A tendencia contraria atopouse para os tipos de produtos precociñados e listos para comer, onde un número significativo de consumidores (case catro de cada dez) considera que os envases son excesivos.

Ademais, a maioría dos enquisados (entre o 62% de España, o 68,8 % de Irlanda e o 70,2 % de Portugal), están dispostos a pagar máis polos produtos do mar que utilizan envases máis sostibles; de feito, prácticamente a metade chegou mesmo afirmar que estan dispostos a pagar até un 10% máis.

Ao comparar por sexos, observouse que as mulleres parecen ter unha maior disposición a reutilizar envases (88,5 %) que os homes (81,3 %).

CONSUMO DE PRODUTOS DO MAR

En canto á frecuencia de consumo de produtos do mar, a maioría dos enquisados declarou consumilos entre unha e tres veces por semana, e particularmente se observou unha porcentaxe moito maior de españois e portugueses que consumían produtos do mar entre catro e sete veces por semana, mentres que unha porcentaxe moito maior de irlandeses respondeu que non consume produtos do mar.

En xeral, observouse un maior consumo de produtos frescos nos tres países, sendo un maior número de enquisados o que respondeu que consumía estes produtos entre unha e tres veces. por semana. Para os produtos do mar conxelados e enlatados, o maior número de enquisados deuse en España e Portugal.

Os produtos do mar que se comercializan como precociñados ou listos para comer consúmense menos nos tres países, xa que a maioría dos enquisados nunca consumiu estes produtos.

Os afumados son consumidos en xeral pola maioría dos entrevistados dos tres países unha vez ou menos ao mes, mentres que os produtos secos e salgados tamén se comen en Portugal unha vez ou menos ao mes, pero, no caso de España e Irlanda, a maioría da xente nunca come este tipo de produtos, segundo os resultados da enquisa.

Os produtos do mar precociñados ou listos para comer consúmense menos nos tres países nos que se realizou a enquisa: España, Portugal e Irlanda

En definitiva, “as taxas comunicadas de residuos domésticos enviados á reciclaxe de diferentes tipos de envases de produtos do mar e materiais asociados foron relativamente altas nos tres países analizados”, comentan os autores do estudo, que destacan o feito de que “os entrevistados tamén parecen estar dispostos a pagar máis polos produtos do mar que usan envases máis sostibles e evitan os produtos do mar con exceso de envases”.

Os investigadores cren que “as prácticas de reciclaxe a nivel doméstico poderían mellorarse proporcionando información máis adecuada sobre tipos específicos de envases e materiais de produtos do mar, especialmente para os plásticos que presentan unha enorme diversidade de tipos”. Así, argúen que “isto pode ser moi importante nos países onde hai un alto consumo de produtos do mar, sobre todo na casa, como son os casos de España e Portugal”.

“O aumento da cantidade de envases enviados a reciclaxe e a eficiencia do sistema de xestión de residuos poden mellorar así a circularidade e reducir o custo ambiental dos produtos do mar relacionados cos envases e os seus materiais”, conclúen.

Os resultados da enquisa veñen de ser publicados na revista científica Science of The Total Environment.

ENVASES INTELIXENTES

Este estudo revelou que hai un crecente interese no uso dos chamados envases intelixentes. Pero, que son? Como explican desde Ecoembes, “as principais diferenzas entre os envases tradicionais e os envases intelixentes están vinculadas á súa función”. Así, “os envases tradicionais teñen unha función de contedor e protección do alimento, ademais de axudar co seu deseño ao seu transporte, almacenamento, comercialización e reciclaxe”, mentres que “os envases intelixentes, ademais das funcións propias dos envases convencionais, achegan información adicional útil sobre o estado do produto, o que contribúe, entre outras cousas, a reducir as probabilidades de que se produzan problemas durante o seu consumo”.

“Os envases intelixentes permiten unha interacción cos produtos que conteñen, normalmente, en forma de achega de información útil acerca da súa conservación, manipulación, transporte ou almacenaxe. Estes envases intelixentes sérvense de indicadores ou dispositivos para monitorizar propiedades do produto como a súa temperatura, tempo-temperatura, frescura e outros aspectos que permiten coñecer a primeira ollada se un produto perdeu propiedades ou se atopa en mal estado”, explican desde esta organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases domésticos lixeiros en España.

A utilidade desta información adicional permite, por exemplo, contribuír a reducir os refugallos alimentarios e minimizar riscos para a saúde, etc., ademais de garantir a trazabilidade dos produtos.

A pandemia de COVID-19 acelerou a investigación e o desenvolvemento para atopar materiais de base biolóxica sostibles e seguros

O interese nos envases intelixentes está crecendo tanto, que, paralelamente ao estudo anteriormente citado, vén de publicarse outro para coñecer o estado actual da investigación sobre estes tipos de envases.

Publicado na revista científica Coatings, o estudo proporciona unha análise bibliométrica con 878 documentos publicados sobre este asunto entre a comunidade científica. Os datos mostran que o interese académico/científico nos envases intelixentes comezou a mediados da década de 1980 e, aínda que a modo se foron ampliando os estudos sobre estes, houbo un crecemento exponencial nos últimos anos, desde 2017, cando “os envases intelixentes de alimentos atraeron un crecente interese na investigación”.

Aínda que, polo tanto, non é un concepto novo, “considérase cada vez máis unha solución eficaz para garantir a calidade e a seguridade dos alimentos”. Por iso se están desenvolvendo cada vez máis investigacións nas que os principais temas son a seguridade alimentaria, os materiais de envasado, a saúde, a sustentabilidade e a conservación dos alimentos.

Ademais, o estudo revela que a pandemia de COVID-19 acelerou a investigación e o desenvolvemento para atopar materiais de base biolóxica sostibles e seguros.

“Isto subliña que este momento de crise garantiu un maior recoñecemento dos beneficios das tecnoloxías activas e intelixentes de envasado. Os retos están relacionados coa viabilidade económica e a escalabilidade dos envases intelixentes de alimentos. Os tempos de crise mundiais, incluíndo a pandemia e os conflitos armados, son factores estimulantes para que os responsables políticos, os fabricantes e as autoridades reguladoras sumen esforzos para o desenvolvemento máis rápido de envases intelixentes de alimentos”, conclúese.

Non obstante, e como se indica neste estudo, “a maioría dos materiais de envasado intelixente aínda non se comercializan debido principalmente ao alto custo de produción e á ausencia de normas internacionais”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta