Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2022 | Actualizada ás 14:17
O exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero celebrou este mércores "a exoneración xudicial" do que tamén fose líder do partido José Ramón Gómez Besteiro, pero advertiu de que esta "non garante nin ser un referente idóneo" nin tampouco poder dirixir o "rumbo adecuado" para a formación socialista en Galicia.
Besteiro dimitiu en 2016 tras acumular varias imputacións xudiciais nas macrocausas de 'O Garañón' e 'Polbo', que de forma sucesiva se foron anulando. Nas primarias do ano seguinte, Caballero tomou as rendas do partido, que tivo que ceder a Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, en 2021, tras saír derrotado das primarias.
Este mesmo martes, aínda que asegurou que de momento mantén a súa intención de ser candidato á Xunta, Formoso asegurou que se Besteiro chegado o momento daba un paso adiante tería todo o seu apoio "por xustiza" e "por lealdade persoal". Varios dirixentes do partido realzaron o valor político do lucense nos últimos días e o actual secretario de Organización, José Manuel Lage, comparouno con Messi.
Caballero, con todo, pon en dúbida que Besteiro sexa un referente idóneo e remítese ao seu mandato á fronte do PSdeG, cando, baixo o seu punto de vista, o partido non só "non mellorou" senón que estivo "moito peor". Mesmo lembrou que o breve período da popular Elena Candia como presidenta da Deputación de Lugo produciuse durante a súa etapa á fronte do PSdeG.
Nesta conxuntura, e ante un ano marcado por dúas citas relevantes coas urnas (municipais e xerais), o líder socialista suxeriu que o partido debería estar centrado e lanzou un aviso, tirando de símil futbolístico como antes fixo Lage: "Non podemos confundir a Champions coas pachangas".
PRIMARIAS
Caballero lembrou que González Formoso trasladou no seu día que tiña "un plan" para recuperar a Xunta, e incidiu no "rechamante" que resulta o debate que se está depositando sobre a mesa e ante a opinión pública nun momento clave para preparar dous encontros electorais que non son os comicios autonómicos.
O primeiro, baixo o punto de vista do exsecretario xeral socialista, debe ser pór o foco nas municipais, e despois, cando corresponda, convocar unhas primarias nas que sexa a militancia a que decida quen é "o mellor cartel" para as autonómicas.
Sen aclarar cales son os seus propios obxectivos e se el contempla aínda optar a ditas primarias, a preguntas de Europa Press remarcou que no partido hai "moitas" persoas "capaces de fortalecelo", e de articular "unha alternativa ao PP" que dea pé a "gobernar" Galicia. Por iso, instou a "aprender da historia do PSdeG" para non repetir "erros" e "fortalecer ao socialismo galego" ao servizo da Comunidade.
LARA MÉNDEZ
Pola súa banda, seguen as voces que insisten na valía de Besteiro para volver á primeira liña política. Neste sentido, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou este mércores que o "candidato socialista á Xunta de Galicia decidirano os militantes, cando se abra o proceso", pero confesou crer en José Ramón Gómez Besteiro, a quen distintas voces socialistas puxeron en valor nos últimos días.
"Creo en Besteiro e gustaríame que dese o paso para estar en primeira liña da acción política", proclamou, tras ser preguntada acerca de se vería con bos ollos que o lucense optase a ser o cartel dos socialistas para as próximas eleccións autonómicas.
"Creo que é un activo moi bo e moi importante, demostrando a súa capacidade e a súa valía nos cargos de responsabilidade que tivo, tanto no Concello de Lugo, como na Deputación, e a nivel orgánico, sendo secretario provincial do PSOE e en Galicia", destacou.
CRÍTICAS A CANDIA POLOS ANÓNIMOS
"O que quería trasladar é que era o noso candidato, era o candidato a ser o presidente da Xunta con opcións reais de conseguir ser presidente, que se lle truncou a carreira política naquel momento (2016) por falsos infundios, con anónimos que se trasladaron á Fiscalía pola señora Candia (Elena)", esgrimiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.