A Xunta e unha multinacional impulsan un centro de investigación empresarial farmacéutico en Santiago

A empresa da multinacional Bruker Inc- comprométese a contratar a un mínimo de 30 investigadores e tres persoas de apoio á xestión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia apoiará a creación dun centro de investigación empresarial vinculado a Mestrelab Research en Santiago de Compostela, especializado en software científico orientado aos sectores farmacéutico e biotecnolóxico. Este centro contará cun investimento público de 4,2 millóns de euros, sumando unha mobilización total (público-privada) de 9,8 millóns.

O centro de Mestrelab desenvolverá un proxecto que ten como misión acelerar a investigación para o deseño de novas ferramentas dixitais de alto valor engadido para os sectores farmacéutico e biotecnolóxico en Galicia. Aspira a actuar como espazo neurálxico para unha comunidade de tecnólogos e científicos dos sectores dixitais e das ciencias da vida.

Con este centro, Mestrelab avanzará na súa investigación en novas ramas científicas relativas á intelixencia artificial e algoritmia avanzada aplicada en bioloxía estrutural, o que permitirá melloras nas técnicas de instrumentación para o estudo de macromoléculas, análise de datos de química sintética e o procesado de datos en espectrometría de masas exacta.

O centro localizarase na contorna do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela. A empresa -spin off da USC que desde 2018 pertence á multinacional Bruker Inc- comprométese a contratar a un mínimo de 30 investigadores e tres persoas de apoio á xestión antes de finalizar os investimentos en 2025, aínda que a previsión da compañía é empregar o apoio recibido para acelerar o crecemento do seu departamento de I+D en Santiago.

Este centro contribuirá aos obxectivos da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, e especialmente favorecerá o crecemento e internacionalización das capacidades galegas na bioinformática. Esta actuación contribúe ao posicionamento de Santiago e da súa contorna como referencia na biotecnoloxía que, xunto co centro de servizos avanzados na Sionlla, contribúen á visibilidade de Galicia como biorregión, apunta a Xunta.

Farmacia. COFG - Arquivo
Farmacia. COFG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta