A Xunta pide ser compensada por producir renovables pero para acometer novos proxectos

Suxire que o "esforzo" produtivo debería acompañarse de máis investimento en redes de transporte para acometer proxectos industriais ligados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, remitiu unha misiva á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, na que lle demanda información sobre os mecanismos de compensación ás comunidades por producir enerxías renovables e apela á conveniencia de abrir un proceso participativo.

Tamén suxire que o "esforzo" produtivo debería acompañarse dun maior investimento en redes de transporte para acometer os proxectos industriais vinculados.

No seu día, despois de transcender o compromiso con Aragón, Rueda xa avanzara que calquera "compensación" que o Ministerio para a Transición Ecolóxica formalizase con esta comunidade sería reclamada pola Xunta. De feito, advertiu que esixiría "o dobre" do que se lle conceda á comunidade aragonesa, tendo en conta que ese territorio está situado como o cuarto en produción de enerxías renovables e Galicia é a "segunda".

Nunha misiva remitida con data do 20 de decembro, á que tivo acceso Europa Press, Rueda lembra á vicepresidenta que Galicia contribúe, "desde unha posición de liderado", na transformación do mapa enerxético español cara a un sistema "máis sustentable" coa contorna e máis competitivo para a economía grazas "ao imparable desenvolvemento" de tecnoloxías destinadas á xeración de enerxía verde.

INVESTIMENTO EN REDES DE TRANSPORTE

"Desde Galicia seguimos con atención os anuncios sobre as posibles compensacións que poderán recibir aquelas comunidades autónomas que proporcionan máis enerxía renovable ao mix enerxético español, xa que desde o Goberno galego consideramos que este esforzo debería acompañarse dun maior investimento en redes de transporte para acometer os proxectos industriais vinculados", agrega a misiva.

E ao tempo, o presidente traslada que agradecería que a ministra puidese trasladar a natureza do mecanismo de compensación que ten en mente o Goberno e, do mesmo xeito, debido ás repercusións que podería ter no sistema, defende a apertura dun proceso participativo para determinar a súa configuración no seo da Conferencia Sectorial de Enerxía.

Eólicos de Paradela
Eólicos de Paradela | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta